O Rallymix de Barbadás celebra esta fin de semana a súa décima edición

OurenseXa
O décimo Rallymix Concello de Barbadás pechará o Campionato Xunta de Galicia coa derradeira proba da tempada
Presentación do X Rally Mix de Barbadás
Presentación do décimo Rally Mix de Barbadás
24 Oct 2024

Este mércores presentouse o 10º Rally Mix Concello de Barbadás “Memorial Gonzalo Belay” no Museo da Gaita de Fole, nun acto que destacou o impacto deportivo e social desta proba no municipio e na provincia de Ourense. O evento, que se celebrará os días 26 e 27 de outubro de 2024, será a última cita do Campionato Xunta de Galicia de Rallymix, consolidándose como un dos referentes do automobilismo galego. Aínda que a presenza dos vehículos e participantes en Barbadás comezará xa dende o venres, coa apertura do parque pechado ás 16.00 horas, as probas celebraranse o sábado ás 11.45 horas e ata as 21.30 horas, hora límite de entrada no parque pechado. O domingo as probas comezarán ás 9.15 horas, con saída do parque pechado xa ás 7.30 horas. Toda a mañá do domingo celebraranse competicións. Ás 14.00 horas dese mesmo día está prevista a entrega de premios e trofeos.

O director do Rallymix, Pepe Sampayo, encargouse de abrir o acto destacando que este rally é o decano do Campionato Galego de Rallymix. Subliñou as características técnicas do trazado, altamente esixente e espectacular, e fixo fincapé no elevado número de inscritos desta edición, que ascende a 75 participantes, o que reflicte o éxito e a expectación xerada pola proba.

Pola súa parte, Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, resaltou o papel esencial do Concello no apoio á organización do rally desde a súa primeira edición, así como a importancia de fomentar o deporte no municipio, especialmente unha disciplina que vencella a localidade co mundo do motor.

César Fernández, Vicepresidente 2º da Deputación de Ourense, quixo poñer en valor o compromiso da Deputación coas actividades deportivas da provincia, facendo especial referencia ao apoio que brindan aos eventos de motor, que atraen a numerosos visitantes e promoven o turismo local.

Durante a presentación, Manuel Pérez, xefe de Deportes da Xunta de Galicia, transmitiu o respaldo da administración autonómica á proba en nome do Conselleiro de Deportes e do Secretario Xeral, destacando a relevancia desta competición dentro do calendario galego de deportes de motor.

Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Federación Galega de Automobilismo, aproveitou a ocasión para felicitar á organización por estes 10 anos de éxitos continuados, reiterando que este rally mix é único en Galicia e símbolo de constancia, converténdose nunha peza clave do campionato.

O presidente do Comité Organizador, Juan Carlos Villanueva “Marabú”, fixo un chamamento á Escudaría Barbadás, cuxo traballo e dedicación fan posible que esta proba se manteña como a derradeira do calendario, asegurando unha gran participación e un influxo considerable de visitantes á localidade ano tras ano.

Para finalizar, Pepe Sampayo quixo agradecer o apoio das forzas e corpos de seguridade do Estado, así como dos patrocinadores, colaboradores e institucións que fan posible a celebración deste evento. Ademais, fixo un chamamento á prudencia dos afeccionados, pedindo a súa colaboración coas recomendacións da organización para garantir o éxito e seguridade da competición.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18668103218079