O Salón do Automóbil de Expourense clausurou a súa décimo sexta edición con máis de 10.500 visitantes

OurenseXa
Nesta edición, que reuniu a 15 concesionarios oficiais que representaban 27 marcas diferentes vendéronse máis de 280 vehículos
salon-automobil-expournse
27 Oct 2025

O Salón do Automóbil de Expourense clausurou a súa décimo sexta edición cun balance que dende a organización cualifican de moi positivo, con máis de 10.500 visitantes e un total de 286 vehículos vendidos, entre novos e de ocasión.

A cita, organizada por Expourense e ACAUTO coa colaboración da Deputación de Ourense, reuniu a 15 concesionarios oficiais que representaban 27 marcas diferentes. O evento celebrouse en dúas quendas —unha dedicada ao vehículo novo e outra ao de ocasión— e mantívose durante seis xornadas no recinto feiral ourensán.

Desde a organización destacaron a boa acollida do público e sinalaron que as vendas poderían aumentar nos próximos días, xa que é habitual que moitas operacións iniciadas durante o salón se pechen posteriormente.

Ademais, entre todos os compradores participantes sortearase un bono desconto de 6.000 euros, que se entregará o martes 4 de novembro no concesionario onde se vendera o coche premiado. O sorteo celebrarase esta semana ante notario na sede da Confederación Empresarial de Ourense.

Con estes resultados, Expourense consolida o Salón do Automóbil como unha das súas citas máis exitosas e como un punto de encontro clave para o sector na provincia, contribuíndo tamén a renovar o parque móbil ourensán, un dos máis antigos de España.

A seguinte cita no calendario feiral será Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que celebrará a súa 26ª edición do 20 ao 23 de novembro.

⚙ Configurar cookies
0.087297916412354