O Salón do Vehículo de Ocasión abre as súas portas en Expourense

Expourense acolle esta fin de semana unha nova edición do Salón do Vehículo de Ocasión, que reúne 384 automóbiles de 27 marcas e ofrece facilidades de financiamento, entrega inmediata e todas as garantías. O evento preséntase como “o momento perfecto para mercar un coche”, segundo destacan desde a organización.
A cita, coorganizada por Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (ACAUTO), conta coa colaboración da Deputación de Ourense e coa participación de 15 concesionarios. Desde a organización subliñan as boas perspectivas tras o éxito da pasada fin de semana, cando se rexistraron máis de 5.000 visitantes e a venda de 121 vehículos novos.
O presidente de ACAUTO, César Fernández, destacou que o mercado de ocasión atravesa un bo momento e considera que este evento supón “unha gran oportunidade para quen busque cambiar de coche. As marcas precisamos liberar o stock antes de rematar o ano, e os vehículos de ocasión ofrecen entrega inmediata e prezos máis accesibles, sen renunciar ás garantías”.
En Ourense, a próxima entrada en vigor da Zona de Baixas Emisións (ZBE) no casco histórico incrementou o interese por renovar vehículo, explican os organizadores, que lembran que, a partir de comezos de 2026, non poderán acceder os coches sen etiqueta ambiental —gasolina matriculados antes do ano 2000 e diésel anteriores a 2006—. “É un bo momento para cambiar de vehículo, tanto por sustentabilidade como por comodidade. Xa hai eléctricos e híbridos no mercado de ocasión, aínda que os modelos diésel e gasolina seguen a ser os máis demandados”, apuntan desde ACAUTO.
Desde a súa apertura, o salón rexistrou unha alta afluencia de público e xa se podían ver os primeiros carteis de “Vendido”. “O visitante deste evento vén coa decisión de mercar. Moitos adiantan a súa visita para non perder o modelo que buscan, xa que só hai unha unidade de cada vehículo”, explican desde a asociación.
O 16º Salón do Vehículo de Ocasión abrirá o sábado de 10:00 a 20:30 horas e o domingo de 11:00 a 20:00 horas. A entrada custa 3 euros, sendo de balde para menores de 12 anos. O recinto contará ademais cun servizo gratuíto de ludoteca infantil.