O sector da alimentación de Ourense mobilizouse ante a sede central de Froiz para esixir un convenio xusto para a provincia

Este luns, traballadoras e traballadores do sector da alimentación da provincia de Ourense concentráronse ante a sede central de Froiz, en Poio (Pontevedra), para esixir un convenio colectivo digno que garanta salarios xustos e condicións laborais adecuadas.
A mobilización forma parte do calendario de protestas convocado polas organizacións sindicais ante o bloqueo na negociación do convenio colectivo de alimentación de Ourense, que permanece paralizado dende hai meses. Durante a concentración, as persoas participantes denunciaron que, mentres as empresas do sector, como é o caso de Froiz, mantén beneficios e expanden o seu negocio, o cadro de persoal continúa traballando con salarios conxelados, xornadas intensas e sen avances nos dereitos laborais.
Desde CCOO Galicia lembran que o persoal do sector “ten demostrado sobradamente o seu compromiso e profesionalidade, especialmente nos momentos máis duros da pandemia, e que agora esixe un recoñecemento efectivo a través de melloras económicas e sociais”.
Esta acción súmase ás xa realizadas e ás previstas para os vindeiros días. Este martes 24 de xuño, as protestas continúan cunha nova concentración en Ourense, diante da sede de Cuevas, unha das empresas máis representativas do sector na provincia. Ademais, o mércores 25 de xuño terá lugar unha nova mobilización diante da sede central de Gadis, no polígono da Piadela (Betanzos).
“Desde CCOO non imos permitir que se nos siga ignorando. O convenio da alimentación de Ourense debe reflectir a realidade do sector e o esforzo do seu persoal”, denunciaron.