O sector do siderometal ourensán anuncia tres novas xornadas de folga

OurenseXa
As centrais sindicais CIG e UGT reclaman un convenio digno fronte ás propostas regresivas da patronal
mobilizaciones-siderometal-ourense
17 Oct 2025

O conflito no sector do siderometal de Ourense continúa aberto tras o anuncio por parte da CIG e a UGT da convocatoria de tres novas xornadas de folga para os días 28, 29 e 30 de outubro, coa intención de “dar un paso máis” na defensa dun convenio colectivo provincial que garanta melloras reais nas condicións laborais.

O anuncio realizouse coincidindo coa segunda xornada de paro dste xoves, que ao igual ca a do mércores, rexistrou un seguimento masivo. Centos de traballadores e traballadoras saíron ás rúas da cidade, marchando desde a Casa Sindical ata a sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), nunha mobilización que volveu evidenciar o malestar do sector ante o bloqueo das negociacións.

“Valoramos moi positivamente a resposta das persoas traballadoras, que nestas dúas xornadas de folga demostraron o seu compromiso coa defensa dunhas condicións dignas, pero é hora de ir un paso máis alá e de levar adiante novos paros”, explicou o secretario comarcal da CIG-Industria, Indalecio Gómez.

Os sindicatos avanzaron tamén que antes das novas datas de folga convocarán outras accións de protesta. A primeira delas será este sábado, 18 de outubro, cunha concentración ás 11:00 horas diante de Expourense, coincidindo coa celebración do Salón do Automóbil.

A parte social acusa a patronal de manter unha postura inmóbil e de buscar “unha confrontación similar á do anterior convenio”. Lembran que, malia presentar unha contraoferta o 8 de xullo, non recibiron resposta ata o 1 de setembro, cando a patronal se limitou a reiterar a súa proposta inicial: un convenio de tres anos (2025-2027) cun incremento salarial total do 7,5% e un pequeno plus de asistencia nos dous últimos anos, ademais dun día máis de traballo anual.

Pola contra, os sindicatos reclaman un convenio de dous anos cunha suba de 100 euros mensuais tanto en 2025 como en 2026, a actualización anual dos salarios conforme ao IPC real e unha xornada laboral de 1.712 horas ao ano.

As centrais sindicais coinciden en que a unidade e a mobilización serán determinantes para “forzar un cambio de actitude” por parte da patronal e avanzar cara a un acordo que recoñeza o esforzo e a profesionalidade das persoas traballadoras do sector.

⚙ Configurar cookies
0.080704212188721