O sector gandeiro e a Xunta abordan en Ourense as implicacións da dermatose nodular contaxiosa

A Consellería do Medio Rural organizou este venres en Ourense unha charla informativa dirixida ao sector gandeiro para abordar as implicacións da dermatose nodular contaxiosa, unha enfermidade que afecta ao gando bovino. A xornada celebrouse no salón de actos da Delegación da Xunta na cidade e contou coa participación do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
O encontro forma parte dun ciclo de sesións informativas que se desenvolveron ao longo desta semana nas catro provincias galegas. Ademais de Ourense, celebráronse citas nos concellos de Ordes, Lugo e Lalín co obxectivo de informar ao sector sobre as características da enfermidade, as súas posibles consecuencias e as medidas establecidas pola normativa comunitaria no caso da súa aparición.
Durante a xornada tamén se recordaron as medidas preventivas de bioseguridade adoptadas pola Xunta para protexer a cabana bovina galega. Entre elas, destacan as restricións actualmente vixentes ata o vindeiro 31 de marzo, prazo que podería ampliarse en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade.
Segundo explicou a Consellería, continúan permitidas as feiras, mercados, poxas e concentracións de gando con finalidade comercial, pero unicamente con animais procedentes de explotacións galegas. Ademais, os vehículos que accedan ás instalacións desde fóra da comunidade deberán facelo baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados.
No caso de concursos, certames ou exhibicións extraordinarias de gando, segue sendo necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e tamén neste caso só poderán participar animais procedentes de explotacións galegas.
Outra das medidas destacadas é o mantemento dun período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para os bovinos procedentes doutras comunidades ou do estranxeiro que se incorporen a explotacións galegas. Durante ese tempo, os animais quedarán baixo control sanitario e a explotación permanecerá inmobilizada para evitar movementos de gando.
Así mesmo, é obrigatoria a desinsectación dos bovinos das explotacións que reciban animais procedentes doutros territorios e tamén dos vehículos de transporte de gando que entren en Galicia, tanto para traslado a outras explotacións como para sacrificio, neste último caso sempre con destino directo a matadoiro.
Desde a Consellería do Medio Rural insistiron en transmitir unha mensaxe de tranquilidade ao sector e á cidadanía, xa que actualmente non existe constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e, ademais, non se transmite ás persoas.
Con todo, o Goberno galego segue reclamando ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha maior implicación e coordinación entre comunidades autónomas para establecer unha estratexia común fronte a esta enfermidade. Ademais, solicítase que o Executivo central lidere no marco da Unión Europea o desenvolvemento dunha vacina marcada que poida administrarse de maneira preventiva e que se revise a categoría da enfermidade na normativa comunitaria, actualmente cualificada como A, a máis grave das existentes, pese a que non se trata dunha enfermidade zoonótica.