O segredo da eterna xuventude, cada vez máis preto?

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O proxecto RENACE busca os biomarcadores asociados ao envellecemento saudable nas persoas centenarias para avanzar na mellora da calidade de vida nas etapas máis avanzadas da existencia, especialmente superados os oitenta anos
doctores-centenarios
15 Aug 2025

Conseguir a inmortalidade foi sempre un tema recorrente en películas e libros, como un elemento de ficción do máis desexable, aínda que o feito de vivir para sempre non sexa do gusto de todos. Pero o que si se considera moito máis desexable é a prolongación da vida, aínda que non a calquera prezo; é importante que esta sexa de calidade.

Nos últimos anos, o que parecía un mito está a converterse xa en algo moi real. O segredo da mocidade xa non é tan segredo e está gardado polos nosos centenarios, aqueles amigos, veciños e familiares que, contra todo prognóstico, superaron os cen anos de vida.

Os nosos libros de historia demóstrano e os datos estatísticos corrobórano: a esperanza de vida de homes e mulleres aumenta, e faino de forma progresiva e imparable. Son os centenarios os que confirman este dato, aqueles que nos amosan que vivir por enriba dos cen anos está cada vez máis preto. E son tamén eles os que gardan no seu interior o segredo para chegar tan lonxe.

Para atopar ese segredo, púxose en marcha o proxecto RENACE, que ten como obxectivo final estudar esta lonxevidade nos nosos centenarios e poder extraer conclusións que poidamos aplicar na vida diaria para seguir o seu exemplo de cumprir anos.

Este proxecto RENACE (Rexistro Nacional de Centenarios de España) está a cargo dos doutores Pilar Rodríguez Ledo, Cristina Santomé Sánchez e Lorenzo Armenteros del Olmo, desde Lugo e para o resto do territorio nacional. Este proxecto tivo un pilotaxe hai dez anos, cando se estudou a un grupo de 70 centenarios. Agora a meta é máis ampla, quérese aumentar a información “na busca de biomarcadores asociados ao envellecemento activo, xa que seguramente os centenarios de agora non son exactamente os mesmos que os de hai dez anos”, explica o doutor Armenteros. Este estudo non só quere “coñecer”, tamén quere poder asociar o envellecemento saudable a dar calidade de vida a eses anos.

Este estudo, que está promovido pola Sociedade Española de Médicos Xerais e que está na súa fase inicial, xa conseguiu un respaldo importante ao recibir un dos primeiros Premios de Investigación en Saúde Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal.

Que o fai diferente esta vez? Algo tan complexo como que no estudo participan especialistas en enfermaría, internistas, xeriatras e pacientes de forma conxunta, aplicando biomarcadores asociados ao envellecemento saudable, que se unirán aos datos clínicos, epidemiolóxicos e sociosanitarios. O proxecto, de feito, está a traballar agora mesmo en crear esa rede de investigadores por toda España.

VIVIR 150 ANOS

O doutor Armenteros avanza que o aumento da esperanza de vida é tan rápido que se estima que se podería chegar a vivir unha media de entre 125 e 150 anos no próximo século. De feito, a OMS estima que os centenarios se van multiplicar por 12 en 50 anos, ou por 15 en Europa, especialmente en Galicia, onde a porcentaxe de persoas lonxevas é moi elevada.

Pero como explica o doutor Armenteros, se a natureza segue o seu curso, “serán moi poucos os escollidos que cheguen a esta idade cunha calidade o suficientemente boa para desfrutar deses anos que están vivindo de máis”.

Para poder mellorar iso, teñen claro que hai que comezar desde agora a educar en hábitos saudables, porque ese é o gran segredo “para que a nosa vida, se é máis longa, sexa mellor”. Neste punto destaca que os enfermos de Alzheimer viven moito, aínda que se descoñece a razón, pero a súa calidade non é boa ao estaren desconectados do mundo. “O que temos que facer desde o sistema sanitario e sociosanitario é dar calidade de vida a eses anos”, engade o doutor. E exemplifica coa osteoporose, unha enfermidade que aparece na vellez, pero que está condicionada polos hábitos dos primeiros 20 anos de vida.

O gran problema é que se sabe que a nosa vida actual non vai axudar a darnos esa calidade: o estrés, as comidas pouco controladas e o sedentarismo son contrarios a un futuro saudable, por iso a aposta segue a ser educar aos mozos “xa que nos adultos a experiencia dinos que é un fracaso”.

OS TRES PIARES

Como explica Armenteros, o segredo para unha vida longa e de calidade está no coidado de tres piares fundamentais: o sono, a actividade física e a alimentación. “Hai estudos previos que nos din que o verdadeiro segredo é a vida saudable, nin a medicación nin a protección cardíaca”, recalca Armenteros.

O sono, a actividade física e a alimentación son os tres piares básicos nos que se debe educar para acadar, nun futuro próximo, unha esperanza de vida de ata 150 anos

Con este novo estudo búscase tamén estudar aos novos centenarios, que tiveron experiencias vitais moi diferentes daqueles que tiñan esta idade hai dez anos. É dicir, estudar o seu pasado e o seu tipo de vida. Nos primeiros indicios, o volume de centenarios é maior nas grandes cidades, pero observaron que a maior parte deles eran persoas que viñan do ámbito rural e migraron ao urbano, cunha vida activa, tanto física como intelectual, e unha alimentación natural.

Xunto a isto, tamén se estudará se existe un condicionante xenético para esta lonxevidade, pero segundo as primeiras aproximacións, si tería peso, pero só nun 15 %, “pero é o entorno o que ten realmente peso”, engade.

DE CARA AO FUTURO

Ademais da educación desde a infancia en hábitos saudables, as conclusións médicas din que hai que cambiar a atención sanitaria e tamén a sociosanitaria para as persoas maiores. A aposta está por centros de coidado que lles permitan seguir levando a vida que tiñan e manter a independencia, na procura da felicidade, outro eixe moi importante para dar calidade de vida.

“Sabemos xa como se envellece, a nivel bioquímico, polo tanto podemos lograr, non a inmortalidade pero si ter un maior control”, avanza Armenteros.

Para apostar polo futuro, a idea é coñecer o presente e o pasado. No estudo realizado en 2011 xa se obtiveron resultados importantes sobre estas persoas lonxevas. Entre as coincidencias positivas atopadas estaba a inexistencia de alteracións metabólicas, como a diabetes, ou a falta de tumores, “o que nos leva a pensar en que tiñan unha boa defensa inmunolóxica”. Pero tamén é certo que todos coincidían en ter artrose e hipertensión

O CASO GALEGO

Galicia é un dos lugares de Europa onde existe un volume máis elevado de centenarios, estimándose que roldan os 2.000. De feito, está preto de conseguir a certificación para sumarse ás cinco zonas azuis de lonxevidade excepcional do mundo.

Este listado está encabezado por Okinawa (Xapón) e Cerdeña (Italia), pero Galicia xa acada unha taxa de 75 centenarios por cada 100.000 habitantes, e dentro de Galicia, a provincia de Ourense lidera a estatística. Ademais, os índices de enfermidades coronarias, de cancro e de demencia senil nestes lugares son sensiblemente inferiores aos do resto do mundo.

O recoñecemento aos nosos lonxevos é habitual nalgúns concellos galegos, que non pasan por alto os seus aniversarios, facéndolles un agasallo. Na provincia de Lugo é moi habitual facer esta acción e debido ao aumento dos mesmos. É unha acción coa que se quere deixar claro un respecto pero tamén algo do noso desexo de chegar ata tan avanzada idade, pero de facelo, facelo ben!


ONDE ESTÁN OS CENTENARIOS?

As zonas azuis son áreas xeográficas do mundo nas que a poboación conta cun elevado número de persoas centenarias, un concepto acuñado por Dan Buettner.
A proporción de persoas centenarias é un indicador que pode amosar dunha maneira máis clara esa variabilidade xeográfica.

En España identificáronse 48 UT que parecen ser zonas azuis, con poboacións que superan as 7,5 persoas centenarias por cada 10.000 habitantes en 2020.

O concello asturiano de Llanes, cunha poboación envellecida pola emigración, ostenta o récord de lonxevidade feminina entre os municipios máis poboados de España, con 29 mulleres centenarias por cada 10.000.

O territorio coa maior lonxevidade poboacional do Estado atópase no cuadrante noroccidental peninsular. Unha UT situada ao noroeste, que inclúe os concellos menos poboados e máis rurais das provincias de León, Asturias, Lugo e Ourense. En conxunto suma máis de 60.000 habitantes e conta con 12,5 persoas centenarias por cada 10.000. Lalín (Pontevedra) e Monforte de Lemos (Lugo), con arredor de 20.000 e 19.000 habitantes, teñen 12,9 e 11,4 persoas centenarias respectivamente. Incluso Ourense, con máis de 100.000 habitantes e 7,9 centenarios por cada 10.000, destaca como a cuarta capital provincial con maior lonxevidade. Llanes presenta unha das proporcións máis altas de España, con 16,3 centenarios por cada 10.000.

Galicia supera os dous mil centenarios e podería pasar a formar parte da rede de zonas azuis de lonxevidade excepcional que existen no mundo

Tamén destacan pola súa elevada lonxevidade poboacional o oeste de Galicia, tres UT formadas polos municipios máis rurais de Castela e León –excluíndo León– e zonas menos poboadas de Huesca, con entre 9 e 10 centenarios por cada 10.000 habitantes. É tamén o caso de Ciudad Rodrigo, con 10 centenarios por cada 10.000 habitantes. Outras áreas máis rurais de Cantabria, Estremadura, Castela-A Mancha (agás Toledo), Zaragoza, Teruel e Lleida presentan proporcións entre 5 e 7.

A metade das 691 UT presenta unha lonxevidade poboacional baixa (menos de 2,5 centenarios por cada 10.000 habitantes), afectando o 86 % das UT no caso dos homes e só o 27 % no das mulleres.

O sur e sueste de España constitúen o extremo oposto, con proporcións moi baixas, inferiores a 5 centenarios por cada 10.000 habitantes, menos da metade da rexistrada no noroeste. Isto acontece en todos os municipios andaluces e nas provincias da costa mediterránea, Baleares, centro peninsular, País Vasco, Navarra e Canarias, así como noutros municipios poboados. En moitas destas áreas a proporción non supera os 2,5 por cada 10.000.

Porén, existen “illas de lonxevidade” no sur. Baena (Córdoba) e Baza (Granada), con arredor de 20.000 habitantes, presentan 17,9 e 11,3 centenarios por cada 10.000 habitantes. Tamén destacan Málaga capital e Coín, con 8,2 e 9,7 respectivamente. Isto contrasta co predominio de proporcións menores de 5 ou incluso 3 por cada 10.000 habitantes.

Na UT do noroeste, así como nas UT de Castela e León e Huesca, a proporción de mulleres centenarias está entre 15 e 20 por cada 10.000, moi superior á dos homes. Lalín e o oeste de Galicia presentan 16,4 e 13,7 mulleres centenarias por cada 10.000. Llanes alcanza o récord: 28,9 por cada 10.000. As UT máis rurais de Guadalaxara e Cuenca teñen 11,3 centenarias por cada 10.000 mulleres.

Pola contra, Andalucía occidental, a Comunidade Valenciana e Baleares, entre outras, presentan menos de 5 centenarias por cada 10.000. Baena destaca con 20,2 centenarias, seguida por Málaga (10,3) e Baza (11,1).

Finalmente, a UT do noroeste mostra unha lonxevidade masculina notable, con 6,4 centenarios por cada 10.000 homes, semellante á do oeste de Galicia e dunha UT adxacente composta polos municipios máis rurais de Zamora, Salamanca e Valladolid, que superan os 5 centenarios por cada 10.000 homes. Destacan tamén Lalín (9,1), Valdés (9) e Monforte de Lemos (8).

⚙ Configurar cookies
0.26910710334778