O Sergas destaca os hospitais de Ourense como modelo europeo en adaptación ao cambio climático

OurenseXa
Exemplifican a instalación de pérgolas verdes ou a renovación de infraestruturas na contorna do Hospital Universitario de Ourense
CHUO-Ourense
26 Jul 2025

Segundo o Servizo Galego de Saúde, as actuacións sostibles implantadas nos hospitais públicos da área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras sitúanse á vangarda europea en resiliencia climática. Así se puxo de relevo na reunión do proxecto europeo Life Resystal, celebrada en Santiago de Compostela.

Na área ourensá, destacan iniciativas como a instalación de pérgolas verdes e a renovación de infraestruturas na contorna do Hospital Universitario de Ourense, a creación dun sistema de recollida de augas pluviais no Hospital de Verín e a colocación dunha cuberta vexetal illante no centro hospitalario de Valdeorras.

O xerente do Sergas, José Ramón Parada, explicou que “estas actuacións en Ourense queren ser un modelo piloto exportable a outros centros sanitarios”, subliñando que están a ser monitorizadas para avaliar os seus beneficios reais na loita contra o cambio climático.

O Sergas é o único organismo sanitario de España participante no Life Resystal, proxecto internacional no que tamén colaboran universidades, centros de investigación e hospitais de varios países europeos, como a Universidade de Cambridge ou o Centro Hospitalier de Millau.

Esta iniciativa forma parte da Estratexia de Economía Circular do Sergas, que busca unha transformación cara á sustentabilidade no sistema sanitario galego. Entre os seus obxectivos está lograr unha Galicia climaticamente neutra en 2040, mediante medidas como a redución de residuos, o uso de materiais sostibles, o ecodeseño de procesos asistenciais ou o fomento do consumo responsable.

O proxecto europeo Life Resystal, con catro anos de duración e 3,5 millóns de euros de investimento, culminará en setembro tras definir un marco de acción para facer fronte aos retos do cambio climático desde os sistemas de saúde.

⚙ Configurar cookies
0.15575981140137