O Sergas homenaxea aos 175 traballadores xubilados da área sanitaria de Verín, Ourense e Valdeorras en 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu este venres no Teatro Principal de Ourense o acto de recoñecemento aos 175 profesionais da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras que se xubilaron ao longo de 2025 tras unha traxectoria dedicada ao servizo público.
O titular da carteira sanitaria da Xunta estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Santiago Camba, nunha cerimonia na que se puxo en valor o compromiso e a dedicación do persoal sanitario que desenvolveu a súa carreira profesional na provincia.
Durante a súa intervención, Gómez Caamaño subliñou que o agradecemento trasladado en nome do Goberno galego “non é algo protocolario, senón é fondo, xusto e necesario”, ao tempo que destacou que este recoñecemento serve para reivindicar traxectorias que representan o mellor de cada profesional. O conselleiro fixo fincapé tamén en que se trata de traballadores dunha provincia que coñece de primeira man desafíos como o envellecemento da poboación e a dispersión xeográfica, dous dos grandes retos da sanidade galega.
O responsable autonómico salientou que o sistema sanitario público de Galicia constitúe un dos principais activos da comunidade e asegurou que o seu verdadeiro patrimonio reside nas persoas que, como as homenaxeadas, dedicaron anos da súa vida a coidar da saúde da cidadanía.
No acto tamén se fixo referencia ao traballo que continúa a desenvolver a Xunta para mellorar as condicións laborais e a estabilidade do persoal do Servizo Galego de Saúde, apostando polo diálogo e pola atención ás súas necesidades. Segundo lembrou o conselleiro, o obxectivo é que todos os profesionais poidan desempeñar o seu labor nas mellores condicións posibles.
Gómez Caamaño pechou a súa intervención destacando o exemplo que deixan os profesionais agora xubilados, tanto pola súa entrega como pola pegada que deixaron nos pacientes aos que atenderon ao longo da súa vida laboral.