O Sergas licita a adquisición dun novo sistema de diagnóstico para o Servizo de Radioloxía do CHUO

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica no Portal de Contratos Públicos a licitación, por importe de 90.750 euros, para a adquisición dun sistema de monitorización de hemodinámica compatible con resonancia magnética con destino ao Servizo de Radioloxía do Hospital Universitario de Ourense.
Esta aparataxe permite detectar e determinar a orixe da inestabilidade hemodinámica, guiar a elección do tratamento máis adecuado e avaliar con posterioridade a súa efectividade.
O sistema de monitorización hemodinámica estará composto por un monitor multiparamétrico emprazado no interior da sala de resonancia magnética e un repetidor exterior ubicado na sala de control. O equipo debe permitir a monitorización de pacientes adultos, pediátricos e neonatais.
Entre outros parámetros, o equipo permitirá a monitorización da presión arterial non invasiva, respiración, gases anestésicos e CO₂.
A compra deste monitor multiparamétrico con parámetros hemodinámicos compatible coa resonancia magnética permitirá aplicar os beneficios deste sistema de diagnóstico, mellorando notablemente a asistencia e o equipamento da sala de resonancia magnética.
O contrato licitado hoxe inclúe o subministro, instalación e posta en funcionamento efectivo do equipo. As empresas interesadas terán ata o día 7 de abril para presentar as súas ofertas.