O Sergas presenta en Ourense a súa estratexia de economía circular

OurenseXa
Esta iniciativa recolle unha serie de medidas que permitirán aforrar custes, acadar unha maior eficiencia e mermar as emisións en todas as instalacións sanitarias
sergas_economia_circular
O Sergas presenta no CHUO a súa estratexia de economía circular para os profesionais sanitarios
27 Feb 2024

Na mañá de hoxe tivo lugar no Hospital Universitario de Ourense a presentación da estratexia de Economía Circular do Sergas que pretende converterse nunha folla de ruta coa que desde o sector sanitario público galego se impulsará unha transformación cultural baseada na sustentabilidade.

A sesión formativa destinada aos profesionais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras foi introducida polo responsable de proxectos ecosostibles da área, Miguel Díaz-Cacho, e presentada pola coordinadora da estratexia de Economía Circular do Sergas, Beatriz Piñeiro. Estes ciclos formativos que se están a desenvolver nas demais áreas sanitarias galegas estenderanse co tempo, aos usuarios e asociación de pacientes do sistema sanitario público galego.

Esta estratexia de Economía Circular aprobada a medidos de 2023 polo Consello da Xunta, e cunha vixencia para os vindeiros sete anos, inclúe diferentes medidas, como a redución na xeración de refugallos e o uso de combustibles fósiles, a construción de centros sanitarios con materiais sostibles, o Ecodeseño de procesos asistenciais, o fomento da investigación en I+D neste eido ou fomentar o consumo responsable e sostible entre pacientes, traballadores ou provedores. Coa implementación destas medidas posibilitase o aforro de custos, unha maior eficiencia enerxética e minguar as emisións en todas as instalacións sanitarias.

A nivel europeo, o Servizo Galego de Saúde é na actualidade un referente na loita contra o cambio climático. Neste percorrido responsable, o Sergas leva máis de trece anos inmerso nun proceso de transformación cara a un sistema sanitario sostible e resiliente, poñendo en marcha iniciativas innovadoras que promoven a sustentabilidade.

O Sergas introduciu xa a Economía circular no ano 2019 como modelo de xestión, co fin de desenvolver un marco de actuación co que reducir o impacto no medio ambiente o máximo posible, e que se engloba no plan de actuación mundial iniciado, en 2015, coa Axenda 2030 que coordina Nacións Unidas.

Asemade, desde hai cinco anos, o Sergas forma parte da rede global “Green and Healthy Hospitals e Health Care Without Harm” liderado e resiliencia climática na atención sanitaria e tamén coa adhesión ao proxecto europeo Race to Zero das Nacións Unidas que busca reducir, en seis anos, as emisións de carbono un 60% de todas as súas instalacións sanitarias. Así mesmo, desde 2021 é socio oficial da New European Bauhaus.

A Estratexia busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador e impulsor dunha transformación cultural baseada na sustentabilidade. Esta iniciativa recolle unha serie de medidas que permitirán aforrar custes, acadar unha maior eficiencia e mermar as emisións en todas as instalacións sanitarias. Entre os obxectivos concretos está reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO2 ata 2030, é dicir, o equivalente a plantar máis dun millón de árbores.

0.19089221954346