O Sergas reafirma que a reforma das instalacións do materno-infantil estarán rematadas a fin de mes

O Hospital Universitario de Ourense está a piques de estrear as súas novas instalacións destinadas á atención materno-infantil, tras unha reforma integral que abrangue as áreas de Pediatría, Xinecoloxía-Obstetricia e a Unidade de Partos. As obras, impulsadas pola Xunta cun investimento superior aos 2,7 millóns de euros, estarán rematadas a finais deste mes de xullo, segundo o previsto.
A intervención desenvolveuse nas plantas primeira e cuarta do Edificio Cristal e na primeira planta do edificio cirúrxico. Este proxecto supón un salto cualitativo na atención asistencial, grazas á renovación das instalacións para facelas máis modernas, accesibles e adaptadas ás esixencias clínicas actuais.
Un dos principais avances será a habilitación dunha área provisional de paritorios na Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria, mentres continúan os traballos da nova unidade definitiva no edificio cirúrxico. Este espazo contará con dúas salas de partos renovadas e cinco salas de dilatación independentes, deseñadas para garantir seguridade, confort e intimidade. Todas disporán de acceso individualizado e equipamento actualizado.
A reorganización dos servizos permitirá tamén unha mellor coordinación entre Pediatría e Obstetricia-Xinecoloxía, ao situarse en áreas contiguas con comunicación interna reforzada. A nova unidade de hospitalización pediátrica, a área de neonatoloxía e unha UCI pediátrica estarán localizadas na cuarta planta do Edificio Cristal. Na primeira planta, estarán a zona de consultas, probas diagnósticas e hospitalización xinecolóxica.
Esta reforma forma parte do plan de reorganización de espazos da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, cun enfoque centrado na mellora da atención integral á saúde da muller e da infancia. Grazas a esta actuación, será posible iniciar tamén as obras dunha nova área de obstetricia de máis de 1.000 metros cadrados no espazo que actualmente ocupa o servizo de Anatomía Patolóxica, unha das prioridades do Plan Director.