O servizo de neuroloxía do CHUO, AFAOR e o Club Xadrez Liceo conmemoran o Día Mundial do Alzheimer

OurenseXa
En Ourense hai ao redor de 11.000 pacientes diagnosticados con algún tipo de demencia, un 70% dos cales teñen Alzheimer
torneo-solidario-xadrez-chuo
21 sep 2024

O servizo de Neuroloxía do CHUO, en colaboración coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR) e o Club de Xadrez Liceo de Ourense, celebrou este venres un torneo solidario de xadrez, para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer, que se celebra este sábado, 21 de setembro.

O toreo solidario tivo lugar no Espazo Ágora do vestíbulo principal do novo edificio de hospitalización e contou coa participación de persoal sanitario, afeccionados ao xadrez e usuarios e familiares da asociación AFAOR.

Esta actividade, coordinada polo Xefe de Servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario de Ourense, Daniel Apolinar García Estévez, e por Joaquín Bello, mestre de xadrez, busca visibilizar os beneficios da utilización de ferramentas e xogos, como pode ser o xadrez, no adestramento cognitivo. O doutor Apolinar salienta que “este tipo de exercicios e xogos permiten atrasar o envellecemento cerebral e diminuír así o risco de desenvolver alzhéimer, así como outras demencias senís.”

A doutora Rosa Rodríguez, neuróloga responsable da consulta de demencias e alzhéimer do CHUO, resalta que “as demencias representan hoxe en día un problema sociosanitario de primeira magnitude, cun elevado número de persoas en situación de dependencia. A OMS establece como prioridade en política sanitaria a atención ao paciente con demencia e ao seu núcleo coidador, co obxectivo de prestar unha asistencia integral, e dicir, detección precoz, diagnóstico, seguimento evolutivo coordinado, tratamento farmacolóxico e non farmacolóxico, recursos sociosanitarios, que axuden a mellorar a calidade de vida de ambos”.

A deterioración cognitiva e a demencia pode ter múltiples causas (dexenerativas- E Alzheimer, demencia frontotemporal, demencia por corpos de Lewy, demencia asociada a Parkinson entre outras-, vasculares, tóxicas, metabólicas, infecciosas...) A enfermidade de Alzheimer supón ao redor do 60-70% de todas as demencias.

O Alzheimer é unha enfermidade neurodexenerativa que se caracteriza pola perda de maneira gradual e progresiva de neuronas. A morte neuronal e a perda de conexións entre as neuronas conduce á deterioración das funcións cognitivas, á perda de capacidade funcional e autonomía, e ocasiona unha gran discapacidade e dependencia.

A especialista sinala que “o síntoma inicial máis frecuente da enfermidade de Alzheimer é o fallo de memoria recente, ao que é habitual que se somen problemas coa orientación, dificultades de linguaxe, problemas de recoñecemento, e na programación e execución de tarefas. Tamén se adoitan asociar trastornos de conduta, moi frecuentes e disruptivos. A interferencia nas actividades diarias do paciente
é cada vez maior a medida que progresa a enfermidade”.

A pesar de que a idade é o principal factor de risco para desenvolver a enfermidade, a doutora Rosa Rodriguez destaca que “é importante sinalar que esta enfermidade e os seus síntomas non forman parte do envellecemento normal do cerebro. Téndese a pensar que é normal que unha persoa cos anos perda memoria e capacidade cognitiva, pero isto é unha idea errónea”.

Ao redor de 800.000 persoas padecen Alzheimer en España, cada ano diagnostícanse 40.000 novos casos, a maioría en maiores de 65 anos, pero tamén en persoas máis novas.

As probabilidades de desenvolver esta enfermidade aumentan de maneira exponencial coa idade duplicándose cada 5 anos. Un 12% dos maiores de 65 anos e un 30-50% dos maiores de 85 anos. Con todo máis do 50% de casos están sen diagnosticar.

En Ourense hai ao redor de 11.000 pacientes diagnosticados con algun tipo de demencia, un 70% dos cales teñen Alzheimer

O diagnóstico precoz é fundamental e imprescindible para poñer en marcha os necesarios procesos de intervención terapéutica e planificar decisións de futuro. Non existe na actualidade un tratamento curativo da enfermidade pero si tratamentos farmacolóxicos e non farmacolóxicos que minoran a velocidade de progresión da enfermidade, e a investigación segue avanzando na procura de novos fármacos.

É unha enfermidade cun enorme impacto a nivel individual, familiar e social, que supón un alto custo sociosanitario, Estímase que os custos directos anuais por cada paciente roldan os 40.000
euros.

Rosa Rodriguez recalca que “non hai que esquecer a necesidade de coidar ao coidador. As Asociacións de Familiares, como AFAOR, teñen un labor moi destacado pola rede de apoio que ofrecen. Tambien os traballadores sociais e a propia sociedade son fundamentais para ofrecer e xestionar recursos que permitan a mellor calidade de vida destes pacientes”.

Á hora de falar da prevención a especialista do CHUO considera importante “manterse intelectualmente e socialmente activos, realizar exercicio físico, seguir unha dieta saudable, controlar os factores de risco vascular, corrixir déficits sensoriais (visión, audición) son medidas protectoras que deben poñerse en valor. A lectura, a música, xogos como o xadrez, son grandes aliados para manter o cerebro en forma.

Todo estímulo cognitivo axuda na prevención e a compensar déficits cando xa hai danos en determinadas rexións, para manter a máxima autonomía posible o maior tempo posible.

0.17993497848511