O Simposio sobre Enerxías Renovables celebra a súa maioría de idade en Expourense

O Simposio Internacional sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética acada a súa maioría de idade e celebra o vindeiro xoves 29 de maio a súa 18ª edición, consolidado xa como un foro especializado en Arquitectura Sostible que convoca cada ano a profesionais do sector de toda Galicia pola traxectoria e prestixio dos relatores e pola relevancia das obras que desenvolven.
Celebrarase no recinto feiral en horario de mañá (de 9.15 a 14.30 horas) e contará coa participación de 10 arquitectos e enxeñeiros de empresas referentes en arquitectura sostible en España, Portugal, Alemaña e Polonia. Esta xornada está especialmente dirixida a profesionais da construción, arquitectos, enxeñeiros e instaladores, pero tamén pretende orientar a promotores e construtores sobre o uso das enerxías renovables como vantaxe para comercializar as súas promocións inmobiliarias.
A asistencia é gratuíta, pero require inscrición previa a través da web www.expourense.org. O XVIII Simposio sobre Enerxías Renovables está organizado por Expourense coa colaboración da empresa ourensá INGEO – Investigación Xeotérmica, e conta co apoio do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e da Deputación Provincial de Ourense. O director de INGEO, Alfredo Fernández, destacou que os relatores desta edición son “referentes mundiais en arquitectura sostible e xeotermia” e que se trata dunha excelente oportunidade para os profesionais de toda Galicia.
Esta actividade formativa foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participaron o deputado de Medio Ambiente e Enerxías Renovables da Deputación de Ourense, José María Lago; o xefe do Servizo de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia en Ourense, Roberto Álvarez Fraguas; o director de INGEO, Alfredo Fernández; e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
Programa
Como é habitual, a xeotermia será un dos temas centrais do simposio, e nesta edición abrirá o programa. Os enxeñeiros polacos Hubert Wolski e Michał Szczytowski, da empresa sueca MuoviTech Group —referencia internacional no equipamento para xeotermia—, presentarán as “Solucións tecnolóxicas para a arquitectura sostible en Europa”. Esta empresa ten presenza en varios países, entre eles España.
O especialista en redes térmicas urbanas Edgar Grundmann (Alemaña) falará sobre a distribución de quinta xeración: calefacción e refrixeración intelixente a nivel de barrio. Pola súa parte, a eficiencia enerxética será abordada por Lorena Álvarez-Sala, responsable do Departamento B2B de E-Program (Asturias), quen explicará as claves da monetización dos Certificados de Aforro Enerxético.
O programa tamén inclúe a presentación das liñas de axuda do INEGA en eficiencia enerxética e enerxías renovables, a cargo do director xeral de Planificación Enerxética e Minas e director do Instituto Enerxético de Galicia da Consellería de Economía e Industria da Xunta, Pablo Fernández Vila.
Outras ponencias inclúen presentacións de distintos casos de éxito en arquitectura sostible en Europa. O arquitecto galego Quico Jorreto presentará tres proxectos premiados: a Vivenda Modular Automonta (Premio do Colexio de Arquitectos de Galicia 2019); a PassivHaus Celanova (Premios GDA 2022 e 2023) e o Edificio de Vivendas Expósito Alfonso (Rúa Progreso 59 – Ourense).
Outro caso de éxito será o da rehabilitación enerxética do Gran Hotel Claridge 5* en Granada, a piques de abrir, presentado por José Pedro Cantador, director do Departamento de Mecánicas de EFINSTAL (Madrid).
Tamén se analizará o novo espazo do Museo da Mutua Madrileña na Praza de España en Madrid, presentado pola arquitecta experta en eficiencia enerxética Marta Serrano e pola responsable de investimentos inmobiliarios da Mutua Madrileña, Marta Guillén.
O caso internacional máis destacado será o presentado por Rui Ribeiro (Portugal), representante de SolidBunkers, que falará das Vivendas Resilientes e Sostibles: “Unha nova era na construción con protección total”. Trátase da primeira vivenda sostible con protección integrada contra ameazas nucleares, biolóxicas, ambientais, electromagnéticas e gas radon. Esta patente será presentada en exclusiva a nivel mundial no marco desta xornada.