O Sindicato de Enfermaría SATSE súmase ás críticas polo traslado do materno

OurenseXa
Advirten da “falta absoluta de planificación e de información aos profesionais implicados” cos que denuncian, “tampouco se contou á hora de organizar todo o traslado”
novo-paseo-verde-chuo
CHUO
14 Jul 2025

SATSE en Ourense lamenta a “falta de planificación, información e participación dos profesionais no traslado dos servizos do Materno, implicados na toma de decisións para traslados deste calibre, nin dos representantes dos traballadores que figuran como simples convidados de pedra”.

Minimízase, din, o impacto na seguridade e saúde dos traballadores, polo que SATSE solicitou a avaliación de riscos inicial das novas instalacións, como é preceptivo, antes do inicio da actividade, e a subsanación de forma inmediata de todas aquelas cuestións que non garantan a realización da actividade en condicións de seguridade.

No mesmo senso, o Sindicato pide á Xerencia da Área Sanitaria que busque unha maior implicación dos profesionais que realizan a súa actividade en todas as áreas de traballo implicadas para participar na toma de decisións, “pois non sempre os xefes de servizo detectan as necesidades que a simple vista atopan os profesionais”, e posibilite un traslado consensuado e achegando todas as garantías asistenciais, levando estas implícitas as suficientes garantías na seguridade laboral.

“A situación deplorable do Hospital Materno Infantil de Ourense non constitúe ningunha novidade e proba diso é o anuncio, o pasado verán de 2024, da demolición deste, cando ata o momento só se contemplaba a súa remodelación”, indican.

Ao marxe de que é necesario adecuar os servizos e é imperativo a realización de obras, que sempre distorsionan o funcionamento habitual dos servizos, neste caso, desde SATSE, “non podemos compartir a forma na que este traslado se está planificando”.

Máis aló da ubicación dun ou outro servizo, falando en termos de seguridade dos pacientes e traballadores, “non podemos facer outra cousa que criticar a imposición dun cambio sen valoración dos danos colaterais que parecen minusvalorar desde a administración do Sergas, que non ven lugares de traballo cando planifican senón ‘espazos’ sen importar a actividade que neles se desenvolva nin o fin para o que están destinados”.

Que o servizo de Paritorio non estea ubicado na mesma planta que a UCI neonatal, din, non é casualidade, senón que “representa un risco engadido aos recén nados que precisen atención urxente, pois os espazos de traslado son maiores e, por tanto, a súa atención pode demorarse uns minutos”.

Para SATSE, as instalacións do actual paritorio perderán a calidade actual, e non se garantiran os dereitos fundamentais das mulleres durante o proceso de parto, ademais da consecuente redución de espazos e as dificultades que isto leva para a realización das técnicas polos profesionais, principalmente matronas que desenvolven neste servizo a súa actividade, sen áreas de lavado, nin auga corrente, non dispoñendo tampouco do mobiliario mínimo esixido para a realización dunha atención obstétrica exenta de riscos adicionais.

O Sindicato de Enfermaría advirte que “as instalacións de control de Enfermaría contan cun mal dimensionamento, non se pode garantir o traballo simultáneo dos profesionais que están na actualidade en cada quenda, lembramos que son os mínimos esixibles”, sinalan.

SATSE insiste en que a afectación dos movementos previstos vai máis alá de implicar só ao servizo de Partos, prodúcese unha clara afectación dos espazos cirúrxicos da actual Cirurxía Maior Ambulatoria, diminuíndo os xa mal dimensionados espazos para esta actividade e provocando, con toda probabilidade, unha diminución da actividade programada e, por ende, un aumento das listas de espera para varias especialidades cirúrxicas.

Outra das cuestións transcendentais para ter en conta, tal e como apunta SATSE, é a área de espertar xeral, xa que “debido ao cambio de circuítos se producirá un aumento da actividade asistencial nestas áreas, nas que hoxe en día non existe ningunha previsión de reforzo”.

Ademais, advirten do bloqueo que se está producindo na actualidade do módulo de penitenciaría, pechado desde hai máis dun mes, que obriga á hospitalización convencional dos usuarios en réxime de internamento, e que obriga á atención en calquera estancia das plantas de hospitalización, “provocando bloqueo de camas e a ocupación de espazos non habilitados para iso, coa consecuente asunción polos profesionais de riscos que deberían evitarse cunha adecuada planificación”.

A “falta de comunicación exhaustiva dos movementos das unidades afectadas, a falta de participación dos profesionais nestes procesos de cambio, non só contribúen á crispación dos traballadores senón tamén á da poboación”, polo que SATSE reclama que se teñan en conta estas cuestións polo ben común de profesionais e usuarias.

⚙ Configurar cookies
0.15973615646362