O SPIF e as mancomunidades de Celanova, O Ribeiro, Verín e o Carballiño reciben nova maquinaria de prevención de incendios

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou este martes na presentación das seis máquinas hidrostáticas polivalentes a catro comunidades municipais desta provincia e ao Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios Forestais (SPIF).
María José Gómez explicou que se trata de máquinas “pioneiras” deseñadas pola propia Dirección Xeral de Defensa do Monte. Estes vehículos permiten realizar tanto traballos preventivos de roza, ao incorporar un brazo lateral con disco de corte, como de extinción, xa que dispoñen de espazo para depósito de auga con lanza e enganches para mangueiras, así como soprador de aire para limpeza de calzadas e gabias.
Destas seis máquinas catro delas cederanse a outras tantas mancomunidades municipais. Concretamente, á Intermunicipal do Ribeiro, Terras de Celanova, Comarca de Carballiño e Comarca de Verín. Así, a conselleira asegurou que permitirán que os territorios destas mancomunidades estean máis preparados para facer fronte aos lumes forestais. Os dous vehículos restantes entregaranse ao SPIF.
Gómez sinalou que a cesión destes vehículos está enmarcada no convenio de colaboración asinado coa Deputación Provincial de Ourense, que ten como obxectivo desenvolver actuacións conxuntas para manter e conservar as infraestruturas preventivas. Este convenio conta cun orzamento de 4,1 millóns de euros para esta anualidade e, ademais da entrega das máquinas hidrostáticas, contempla a adquisición de ata 12 tractores con rozadoiras, maquinaria motoniveladora e incluso a cesión, por parte da Deputación, de maquinaria da súa titularidade aos concellos para a realización de tarefas preventivas.
Tamén ao abeiro deste convenio, poranse en marcha de catro programas piloto para dotar cun total de 16 brigadas de prevención e extinción de incendios por seis meses noutras tantas mancomunidades municipais. Asemade, en virtude deste protocolo, darase formación especializada ao persoal municipal e ás mancomunidades a través do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén.
Por último, María José Gómez agradeceu a disposición amosada por parte da Deputación, que colaborou en todo momento para afondar no compromiso do Goberno autonómico de mellorar a prevención dos lumes forestais.