O subdelegado do Goberno destaca a redución da criminalidade en Maceda durante os últimos anos

OurenseXa
Eladio Santos puxo en valor que os delitos neste concello descenderon nun 13% entre 2023 e 2024
xunta-local-de-seguridade-maceda
16 Jul 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, puxo en valor este mércores a baixada da criminalidade rexistrada nos últimos tempos en Maceda, que experimentou un descenso de máis do 13% no número de delitos entre 2023 e 2024, tendencia que continúa á baixa no primeiro semestre deste ano.

Así se recolleu na Xunta Local de Seguridade celebrada no municipio, presidida por Santos e pola alcaldesa, Uxía Oviedo, coa participación de representantes da Subdelegación do Goberno, do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Maceda, de Medio Rural, así como axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Durante a xuntanza, Eladio Santos felicitou ás Forzas e Corpos de Seguridade polo seu “intenso labor” e subliñou que “estes bos datos son froito da profesionalidade, a dedicación e a excelente colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil, grazas a cal os veciños e veciñas de Maceda viven nun lugar seguro”.

O subdelegado destacou tamén a importancia da coordinación para facer fronte á violencia de xénero. Maceda está integrado no Sistema VioGén e mantén actualmente dous casos activos, dentro dos 573 que se rexistran na provincia. Santos advertiu que “non se pode baixar a garda na loita contra esta lacra, pois hai violencia contra as mulleres diariamente e é necesaria a implicación de todas as Administracións”.

No ámbito da prevención, a Xunta Local de Seguridade avaliou tamén o desenvolvemento do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos. No IES San Mamede impartíronse catro charlas da Garda Civil neste curso, centradas no uso das novas tecnoloxías e na protección de datos, nas que participaron 120 estudantes e 8 docentes. O subdelegado destacou a relevancia de que as familias se impliquen para coñecer mellor os riscos que afrontan os menores.

⚙ Configurar cookies
0.16241192817688