O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, insiste en que Ourense é unha provincia segura

OurenseXa
Os delitos de usurpación e invasión de morada mantéñense en valores moi reducidos e non representan, en absoluto, un problema para a convivencia, asegura
Xunta Local de Seguridade da Subdelegación do Goberno de Ourense
13 Ago 2024

Nas xuntas locais de seguridade, que se veñen celebrando cada seis meses, queda constancia dos baixos índices de delitos na nosa provincia, sinalan desde a Subdelegación do Goberno de Ourense. "Fronte a informacións recentes e declaracións de representantes políticos nos medios de comunicación", o subdelegado fai fincapé en que os delitos que teñen que ver coa usurpación de bens inmobles ou o delito de violación de morada, non representan un problema de convivencia e son irrelevantes ou inexistentes na provincia e na capital.

Eladio Santos chama a non crear falsas alarmas entre os veciños e ser rigorosos e prudentes nas declaracións e informacións sobre os temas de seguridade e convivencia. “Son asuntos moi sensibles para a os cidadáns e deben ser tratados con rigor, información veraz e seriedade. É censurable utilizar as cuestións de seguridade como ferramenta para a propaganda política”, afirma, ao tempo que lembra que se está poñendo en cuestión o traballo e a profesionalidade das Forzas de Seguridade.

Nas xuntas locais de seguridade están presentes representantes das institucións públicas, forzas de seguridade e tamén, no caso da capital, asociacións de veciños e comerciantes, e nelas ofrécese información, documentación e datos sobre as cuestións de seguridade. “As conclusións son ben claras neste sentido”, lembra.

Ocupación de bens inmobles

A Subdelegación do Goberno en Ourense mantén contacto permanente coas asociacións de veciños para abordar as súas necesidades particulares, exemplo disto é a reunión que esta mañá mantivo o subdelegado con veciños da Ponte para atender as súas preocupacións e á que tamén asistiu Nuria Palacios Ibán, comisaria xefa accidental da Policía Nacional.

Entre os temas abordados na xuntanza atopáronse as ocupacións de bens inmobles. A este respecto, os datos na cidade neste ano son os seguintes: oito denuncias de inmobles usurpados na capital e ningunha denuncia por invasión en vivendas habituais ou segundas residencias. Ademais, aseguran que todas elas seguen o mesmo patrón, trátase de inmobles en mal estado e abandonados, e prodúcese a ocupación sen violencia. Tan só unha destas denuncias se atopou vinculada á comisión de delitos contra a saúde pública, que a día de hoxe está desarticulado.

No tocante á provincia, os números son similares. Segundo a datos que constan nesta Subdelegación, producíronse 3 ocupacións de vivendas na provincia (excluída a capital) ao longo do 2024. Concluíndo que a incidencia desta modalidade delitiva é practicamente nula.

Para finalizar, o subdelegado do Goberno insiste en que desde a Subdelegación “ofrécese información sobre temas de seguridade a asociacións, institucións, medios de comunicación e cidadáns da provincia coa finalidade de abordar estes asuntos con rigor, responsabilidade e sen alarmismos innecesarios, que o único que conseguen é sementar preocupacións sen fundamento entre os veciños”.

0.19796705245972