O Teatro Principal acolle o Encontro de Coros Universitarios

OurenseXa
A cita, organizada polo coro do campus de Ourense Schola Cantorum (Cuco) contará coa actuación tanto da formación anfitrioa como da Universidade do Minho (Portugal)
Coro do Campus de Ourense
1 Xuño 2024

O Teatro Principal será, este sábado, o escenario da celebración do Encontro de Coros Universitarios organizado polo coro do campus de Ourense Schola Cantorum (Cuco). A cita, pensada para “festexar a cultura, a música e o canto coral”, contará coa actuación tanto da formación anfitrioa como da Universidade do Minho (Portugal).

A súa programación consistirá nun concerto conxunto de ambos coros, que aprovecharán tamén para festexar a conmemoración do 50 aniversario do campus de Ourense.

O concerto constará de tres partes, segundo informan desde a UVigo. Na primeira, o coro do campus de Ourense interpretará nove pezas. Así, comezará con Glow, de Edward Esch, e rematará con Amani, de Audrey Snyder. Estará ao piano Alejandro Fírvida, na percusión Noel de Dios Flores, na pandeireta Chasua González e na gravación Víctor Fernández. Na segunda parte tomará o relevo o Coro Académico da Universidade do Minho, baixo a dirección de César Freitas. Interpretará outras nove pezas, comezando por A gente vai continuar, de Jorge Palma, para rematar co espiritual negro Down by the riverside. As dúas corais porán o peche a este encontro coa representación conxunta de Cada noite, con letra de Rosalía de Castro e música de Maximino Zumalave, e Venham mais cinco, de José 'Zeca' Afonso.

 

0.16397094726562