O Teatro Principal de Ourense abrirá a próxima tempada cunhas instalacións totalmente renovadas

OurenseXa
A Deputación de Ourense inviste preto de 108.500 euros na renovación do escenario, a instalación dunha nova pantalla de cinema e un sistema de iluminación actualizado e máis eficiente
renovacion-teatro-principal-d-ourense
18 Jul 2025

O Teatro Principal da Deputación de Ourense estará de estrea no inicio da nova tempada, no mes de setembro, logo das obras de reforma iniciadas esta semana e que suporán a renovación do seu escenario, a instalación dunha nova pantalla de cinema e un sistema de iluminación actualizado e máis eficiente enerxeticamente.

As obras de renovación deste espazo cultural teñen un orzamento de preto de 108.500 euros, dos que máis de 43.000 estarán destinados á renovación do escenario. O actual correspóndese coas instalacións orixinais do ano 1992, data na que se rematou a rehabilitación do inmoble.

Unha empresa especializada neste tipo de proxectos será a encargada de colocar un novo piso, utilizando materiais “técnicos” que facilitarán a montaxe e desmontaxe das distintas producións que acolle o Teatro Principal.
Tamén no escenario procederase á substitución da actual pantalla para proxeccións audiovisuais, en uso desde hai quince anos. Cun orzamento de máis de 17.300 euros, instalarase un novo equipo mecanizado que axilizará a montaxe da pantalla e ofrecerá unha mellor calidade de imaxe.

Nesta semana iniciáronse ademais os traballos de instalación dun novo sistema de iluminación nas zonas comúns do inmoble. Un investimento próximo aos 48.000 euros que se enmarca na forte aposta que está a realizar a Deputación de Ourense para mellorar a eficiencia enerxética dos centros dependentes da institución provincial.

O Teatro Principal de Ournse foi construído no ano 1830, seguindo o modelo italiano a cabalo do barroco e do romanticismo, experimentando dúas importantes remodelacións a finais do século XIX e a principios do XX.

A etapa actual comeza coa adquisición do teatro por parte da Xunta de Galicia, que se fai cargo da rehabilitación. Unha vez concluída a reforma, a titularidade do inmoble foi cedida á Deputación de Ourense, inaugurándose o novo Teatro Principal o 23 de febreiro de 1992.

⚙ Configurar cookies
0.16258811950684