O Teatro Principal de Ourense acolle a estrea mundial da nova proposta de Redrum Teatro

OurenseXa
‘Nas nubes’ poderá verse por primeira vez nun escenario este sábado na capital ourensá
presentacion-nas-nubes-teatro-principal
14 Nov 2025

O Teatro Principal de Ourense acollerá este sábado, 15 de novembro, ás 20:00 horas, a estrea mundial de Nas Nubes, o novo espectáculo da compañía Redrum Teatro, dirixido por Alex Sampayo e interpretado por Julio Abonjo, Carlota Mosquera e Guillermo Carbajo.

Trátase dunha peza que combina humor, surrealismo e reflexión filosófica, e que propón unha mirada crítica e divertida sobre o impacto da tecnoloxía nas nosas vidas e na construción da identidade.

A obra, ambientada nun futuro non tan afastado, Nas Nubes sitúa o público nun museo de “reliquias predixitais” guiado por Nexus e Rino, dous personaxes que acompañan aos visitantes nun percorrido tan cómico como inquietante. Con esta premisa, o que comeza como unha sátira sobre o presente acaba converténdose nunha fábula contemporánea sobre a memoria, a realidade e o que significa ser humano, cando unhas misteriosas mariposas que xorden dun bonsai comezan a recordar que poderían ter sido algo máis.

A peza, dirixida para todos os públicos e definida polo seu director, Alex Sampayo, como “unha comedia surrealista, distópica e futurista sen deixar de ser un espectáculo para toda a familia”, mestura números circenses, improvisación e humor absurdo, apela directamente a unha sociedade inmersa en pantallas, redes sociais e identidades dixitais que se reconstrúen a cada instante. A través da risa, Nas Nubes invita a reflexionar sobre a fraxilidade da memoria, as novas formas de relacionarnos e a crecente substitución da experiencia física pola virtual.

⚙ Configurar cookies
0.075347900390625