O Teatro Principal de Ourense participará na nova produción de ‘La flauta mágica’

GaliciaXa | OurenseXa
Trátase dunha coprodución do Teatro Real xunto co Teatro de la Maestranza e o Teatro Principal de Ourense que chegará á cidade das Burgas en datas aínda por fixar
la-flaura-magica
© Javier del Real
11 Mar 2026

O Teatro Principal de Ourense participa na nova produción de ‘La flauta mágica’ de Wolfgang Amadeus Mozart, que se estreará o próximo 21 de marzo no Real Teatro de Retiro. Trátase dunha coprodución impulsada por este espazo escénico do Teatro Real xunto co Teatro de la Maestranza e o Teatro Principal de Ourense.

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, participaron en Madrid na presentación do espectáculo, que tamén chegará á cidade de Ourense nunha data que se anunciará proximamente.

‘La flauta mágica’ é a única ópera de Mozart con libreto do dramaturgo Emanuel Schikaneder. A obra narra as aventuras de Tamino, quen, acompañado por Papageno e coa axuda dunha frauta encantada, emprende unha viaxe para rescatar a Pamina, filla da Raíña da Noite. Estreada en Viena en 1791, esta composición converteuse nunha das obras máis populares do repertorio lírico pola súa combinación de arias virtuosísticas, melodías de inspiración popular e coros de gran forza teatral, así como pola súa capacidade para alternar momentos cómicos e dramáticos.

A directora de escena, Raquel Alarcón, explicou durante a presentación que “con esta produción buscamos entender cal era o espírito no que Mozart inspirouse para crear esta ópera e así tentar traducilo ao noso contexto, á realidade de hoxe en día, para que os nenos e mozos póidanse atopar nesta historia”.

A produción, dirixida ao público infantil e xuvenil, contará cunha versión en castelán de Susana Gómez e será interpretada nun formato de ópera-estudo. A música presentarase nunha adaptación para piano a catro mans realizada por Bruno Dozza, interpretada por Carolina Hernández e Alexis Delgado. Segundo a proposta musical, Dozza crea un universo sonoro arredor da obra que establece un diálogo entre o Mozart de 1791 e unha reinterpretación contemporánea da partitura.

O elenco inclúe a novos artistas procedentes do programa Crescendo do Teatro Real, entre eles o tenor Pablo Puértolas no papel de Tamino, a soprano Lucía Iglesias como Pamina, a soprano Natividad Oval que asumirá os papeis da Raíña da Noite e Papagena, e a mezzosoprano Yasmín Forastiero como Dama e Xenio. Completan o reparto o baixo Adrián Saiz como Sarastro, o barítono Aslam Safla no papel de Papageno e o tenor Yasel IIIarramendi como Monóstatos.

A posta en escena de Alarcón combina realidade e ficción cunha escenografía inspirada en diferentes referentes artísticos e culturais. A directora sinala que se inspira en figuras como David Bowie, no universo surrealista de Salvador Dalí e na obra Alice's Adventures in Wonderland de Lewis Carroll. “David Bowie, porque revolucionou o mundo do glam rock na súa época; Salvador Dalí e todo o seu universo surrealista e Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll, cuxa ficción nos axuda a escapar da realidade para volver a ela transformados”, explicou.

0.12231588363647