O Teatro Principal de Ourense será o escenario da presentación da obra ‘O grande Incêndio’

OurenseXa
Ánxeles Cuña dirixe este espectáculo no que participan os equipos da compañía ourensá Sarabela e da portuguesa A Escola da Noite e que está baseado no texto de Roland Schimmelpfenning
presentacion-o-grande-incendio-ourense
Presentación da función 'O grande icêndio'
17 Jun 2025

O Teatro Principal de Ourense acolleu este martes a presentación da función ‘O grande incendio’, que se estreará este xoves, 18 de xuño, na cidade das Burgas, no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A obra é unha coprodución entre a compañía galega Sarabela Teatro e a portuguesa A Escola da Noite, con sede en Coimbra.

Ánxeles Cuña, directora da formación ourensá, asume a dirección escénica deste montaxe en lingua portuguesa, no que os equipos de Sarabela e A Escola da Noite colaboran para levar a escena o texto do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfenning, cun elenco integrado por cinco actores e actrices: Ricardo Kalash, Igor Lebreaud, Miguel Magalhães, María Quintelas e Ana Teresa Santos.

‘O grande incendio’, que permanecerá no escenario ourensán ata o 20 de xuño con funcións ás 21:00 horas, é unha fábula sobre dúas aldeas situadas nun val xunto a un regato e separadas por unha ponte. Nun lado medran as vides e no outro pastan bois, vacas, cabalos e ovellas. De repente suceden distintos fenómenos naturais que afectan só a unha das aldeas, mentres que a outra entra nun período de prosperidade económica.

A obra mestura o real coa fantasía para abordar a desigualdade entre ricos e pobres, unha distancia física e emocional que vai medrando a medida que avanza a trama.

Na presentación estivo presente o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que puxo en valor o formato compartido deste novo proxecto e aproveitou a ocasión para anunciar que a colaboración con A Escola da Noite continuará coa celebración da Mostra de Cultura Galega en Coimbra o próximo mes de outubro, cunha representación de artes escénicas e outras actividades que contará co apoio do Goberno galego para a súa organización.

A cita forma parte do circuíto de espectáculos que coordina e cofinancia a Xunta de Galicia cunha programación que, ao finalizar o mes de xuño, terá ofrecido 343 actuacións de artes escénicas e musicais, na súa maioría galegas, en 41 municipios das catro provincias.

⚙ Configurar cookies
0.15250396728516