O Terceiro Encontro Ibérico de Fluídos Supercríticos reúne a máis de 80 expertos en Ourense

OurenseXa
O evento está organizado polo Grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo e por Flucomp
III Encontro Ibérico de Fluidos Supercríticos
23 Xul 2024

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle desde este luns, 22 de xullo, e ata o 24 de xullo, o Terceiro Encontro Ibérico de Fluídos Supercríticos (EIFS2024). O evento está organizado polo Grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible da Universidade de Vigo e por Flucomp (Asociación de Expertos en Fluídos Comprimidos de España) e conta coa participación de arredor de 80 especialistas, principalmente da península ibérica pero tamén doutros países.

Desde o comité organizador, liderado pola UVigo, destacan "a dilatada traxectoria investigadora do Grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible e a relevancia da cita que estes días acolle a cidade de Ourense".

O obxectivo deste encontro, sinalan desde a UVigo, é "a difusión da investigación científica de alta calidade realizada actualmente en España e Portugal sobre unha ampla gama de temas fundamentais e aplicados sobre fluídos e procesos supercríticos". Tamén pretende "reunir, fortalecer e crear novos lazos e colaboracións entre a comunidade investigadora ibérica e a industria que traballa nestes temas", así como apoiar ás e aos novos investigadores ibéricos deste eido. A cita abarca un amplo espectro de temas relacionados cos fluídos supercríticos en forma de sesións plenarias e presentacións orais/pósters seleccionados.

A diversidade de temas de interese é moi ampla e abrangue áreas como a termodinámica, equilibrio de fases e fenómenos de transporte; propiedades dos fluídos a alta presión; extracción, fraccionamento e secado e reaccións e biorrefinería de fluídos supercríticos. Tamén inclúe entre os temas de interese a produción de partículas; materiais e biomateriais; produtos e aplicacións (analítica, alimentación e nutracéutica, farmacéutica, biomédica, catálise, construción, petróleo e gas, etc.) e aplicacións industriais e escalado. A conferencia inaugural correu a cargo de Mª José Cocero, catedrático da Universidad de Valladolid, e nela abordou as contribucións á descarbonización da industria mediante a transformación de biomasa en produtos químicos.

0.19064283370972