O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia desbloquea o contrato de limpeza e recollida de residuos

OurenseXa
O tribunal desestima o recurso de FCC Medio Ambiente e permite reactivar o procedemento tras quedar sen efecto a suspensión cautelar
traballadores-lixo-ourense
16 Feb 2026

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) desestimou o recurso presentado pola empresa FCC Medio Ambiente contra a licitación do contrato do servizo de recollida de residuos e limpeza urbana do Concello de Ourense, o que permite reactivar o procedemento tras quedar sen efecto a suspensión cautelar que pesaba sobre o proceso.

A resolución, datada en Ourense o 16 de febreiro de 2026, avala a continuidade dun contrato cunha duración prevista de dez anos e un orzamento total de licitación de 147 millóns de euros máis IVE. O pasado 12 de xaneiro procedeuse á apertura das ofertas económicas das catro unións temporais de empresas (UTE) que concorren ao concurso. A proposta mellor valorada, tanto no apartado técnico como no económico, é a presentada pola UTE SA de Obras y Servicios, COPASA — Setec Building SLU, cun importe anual de 13.839.013,55 euros máis IVE, o que supón unha baixa do 6,15 %. O procedemento entra agora na súa fase final antes da adxudicación definitiva.

FCC Medio Ambiente fora excluída por non presentar correctamente a totalidade da documentación esixida no prego. A empresa recorreu ante o TACGal ao considerar que se trataba dun “erro emendable”, pero o tribunal rexeita esta interpretación e lembra que nun procedemento de concorrencia competitiva “as normas esenciais de apertura das ofertas e a propia configuración básica do propio proceso en diferentes fases independentes non se poden obviar”.

A resolución engade que o que pretende a recorrente “é que a propia licitación se adecúe aos seus intereses individuais, de tal xeito que se lle permita, de forma extemporánea e allea ao propio sistema de presentación de ofertas, achegar a práctica totalidade da súa proposta técnica”. O tribunal cualifica esta pretensión como a dun “procedemento de licitación ad hoc, alleo ao establecido na propia LCSP, e en prexuízo evidente do resto de licitadores, e motivado única e exclusivamente pola súa falta de dilixencia na conformación da súa oferta, incumprindo unhas regras fixadas con claridade nos pregos da licitación”, polo que desestima o recurso e levanta a suspensión do proceso.

⚙ Configurar cookies
0.08248496055603