O Tribunal Supremo ratifica a sentenza contra Jácome por vulnerar os dereitos fundamentais da voceira socialista Natalia González

O Tribunal Supremo ven de ratificar a sentenza contra o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, por vulnerar os dereitos fundamentais da voceira socialista Natalia González. Trátase, puntualizan dende o PSdeG, dunha resolución xudicial firme, e de máxima relevancia institucional, para o Concello de Ourense.
“O Tribunal Supremo vén de confirmar, sen posibilidade de recurso, que durante o desenvolvemento dos plenos municipais se produciron vulneracións de dereitos fundamentais da oposición, en concreto do dereito á participación política e ao uso da palabra”, explicou a concelleira do PSOE María Fernández Ojea nunha rolda de prensa ofrecida esta mañá tras coñecerse a resolución xudicial.
Dita sentenza, puntuliza Ojea, “confirma que estas prácticas foron contrarias ás garantías democráticas básicas que deben rexer o funcionamento dun órgano representativo como o Pleno”. Porén, denuncian, “non se trata dunha discrepancia política nin dun conflito partidario, senón dunha vulneración acreditada xudicialmente”.
Para as socialistas, “o máis grave é que este procedemento podería terse evitado cun comportamento institucional correcto e respectuoso cos dereitos fundamentais dos representantes electos”. Pola contra, explican, “optouse por prolongar o conflito ata a máxima instancia xudicial do Estado”, un modo de proceder, sinalan “habitual do alcalde para dilatar todo aquello que non lle reporta beneficios electorais”.
O Supremo condena ademais ao alcalde ao pagamento das costas procesuais, ao considerar infundado o recurso interposto, por non ter presentado argumentacións á hora de recorrer.
Pola súa banda, a secretaria xeral do partido na cidade e portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González, lembra que non se trata “dunha vitoria política nin dun conflito entre partidos” senón de “algo moito máis serio”, como é que fora necesario que o Tribunal Supremo interviñese para garantir dereitos fundamentais básicos no Pleno municipal. Isto, lembra, “non é normalidade democrática”. A voceira afirma que “Ourense merece un goberno que respecte as institucións, a pluralidade e as regras do xogo democrático sen que teña que llo lembrar un xulgado”.
Desde o grupo socialista consideran imprescindible que esta sentenza firme sexa posta en coñecemento, coa máxima inmediatez, do Pleno e que se adopten medidas para garantir que feitos deste tipo non volvan producirse.