O TSXG desestima o recurso presentado contra a organización de concertos nas Festas de Ourense 2024

OurenseXa
O tribunal pon de manifesto que se trata dun “feito puntual por motivos festivos” e non dunha actividade “persistente no tempo”, e rexeita o recurso de dous veciños que aludían a molestias por ruídos
Festas de Ourense
16 Jul 2025

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou unha sentenza favorable ao Concello de Ourense en relación á organización de concertos e actuacións de DJs no centro histórico da cidade no marco das Festas de Ourense 2024.

A resolución desestima o recurso de apelación presentado por dous veciños contra a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense, do 16 de xaneiro de 2025, que xa rexeitara a súa demanda nun procedemento de dereitos fundamentais, no que aludían a molestias por ruídos derivadas destas actividades musicais.

O tribunal galego acepta os fundamentos da sentenza de instancia e sinala que no caso da programación de actividades das Festas de Ourense 2024 “non nos atopamos ante un feito persistente no tempo e tampouco a súa vinculación cun sufrimento reiterado no tempo. Neste caso, atopámonos ante un feito puntual por motivos festivos”, destaca a sentenza, que lembra que “a persistencia no tempo nas molestias, unha vez acreditadas, é o que fundamenta a vulneración de libre goce do domicilio, que neste caso non concorre”. Por este motivo, conclúe que “o recurso de apelación debe ser desestimado”.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, manifestou esta mañá que esta resolución avala “a nosa liña de facer compatibles o dereito ao descanso dos veciños coa celebración de eventos festivos na cidade, xa que os tribunais dannos a razón”.

⚙ Configurar cookies
0.15346908569336