O V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario presentará 35 proxectos en Santiago, Ribadumia, Coles e Ribadeo

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organizou o V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario, no que se darán a coñecer un total de 35 proxectos que buscan resolver os problemas do presente ao mesmo tempo que tratan de sentar un antecedente das solucións aos retos do futuro.
O evento estruturarase en catro sesións, cada unha delas nunha sede distinta e cunha temática diferente co obxectivo de achegar a innovación por todo o territorio galego. Así, o vindeiro día 27 deste mes de febreiro terá lugar a primeira delas na Cidade da Cultura, centrada na gandaría e a industria agroalimentaria. A inauguración correrá a cargo da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e nela presentaranse un total de 11 proxectos que abranguen temáticas moi variadas relacionadas coa sustentabilidade.
A segunda sesión terá lugar o 13 de marzo na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Pontevedra), adscrita á Axencia Galega da Calidade Alimentaria. No seu programa figura a presentación dun total de sete iniciativas, todas elas vinculadas coa viticultura e a enoloxía. Entre elas atópanse proxectos sobre tratamentos fitosanitarios, cultivo sustentable do viñedo, produción de planta de vide resistente a determinadas enfermidades ou xestión de rega.
O 27 de marzo celebrarase a terceira sesión deste foro, neste caso no Pazo de Fontefiz, en Coles (Ourense), que acolle nas súas dependencias o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, institución da Xunta responsable da elaboración e desenvolvemento dos programas de conservación e fomento de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción. Nesta xornada presentarase unha decena de proxectos, todos eles correspondentes á sección de agricultura.
Por último, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo (Lugo), acollerá a cuarta sesión, que versará sobre silvicultura. Será o vindeiro día 11 de abril e nela presentaranse un total de sete proxectos, entre eles os de desenvolvemento de elicitadores de defensa en castiñeiro do país e de mellora do cultivo da especie autóctona de sabugueiro para a obtención de extractos ricos en compostos bioactivos.
Cada unha das xornadas rematará coa presentación dunha proposta gastronómica de produtos de calidade diferenciada de Galicia, como forma de achegar a este ecosistema innovador a infinidade de formas de elaboración e maridaxe que ofrecen este tipo de alimentos.
Promotores dos proxectos
Os diferentes proxectos incluídos neste V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario son promovidos por empresas, administracións, universidades, asociacións ou cooperativas. Todas as sesións de traballo programadas pecharanse cunha degustación de produtos galegos de calidade diferenciada, como forma de incidir na súa promoción.
Estes proxectos están enmarcados nas convocatorias de axudas para o desenvolvemento de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI); cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e das achegas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos de proxectos piloto. Os proxectos aprobados a través de ambas convocatorias foron subvencionados cunha dotación total de 5,7 millóns de euros (4,3 millóns para proxectos de Grupos Operativos e 1,4 millóns de euros de proxectos piloto).
Obxectivos
A través deste foro a Axencia Galega da Calidade Alimentaria procura transferir a innovación ao sector agrario e agroalimentario, co obxectivo de modernizar a agricultura e as zonas rurais, fomentando e poñendo en común o coñecemento e a dixitalización neste tipo de contornas. Grazas a este tipo de iniciativas promóvese a adopción das novas tecnoloxías polos agricultores mediante a mellora do acceso á investigación, á innovación ao intercambio de experiencias e á formación.
Neste sentido, o evento consolídase como unha excelente oportunidade para coñecer proxectos novidosos no ámbito agrario que buscan mellorar a sustentabilidade, eficiencia e rendibilidade do sector primario e da primeira transformación en Galicia.