O VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte chega a Ourene os días 11 e 12 de decembro

OurenseXa
O programa reúne a unha vintena de especialistas de España e Portugal que analizarán diferentes dimensións do turismo activo e do deporte
presentacion-sportur-2025
3 Dec 2025

Expourense converterase a próxima semana no punto de encontro para profesionais do turismo activo e do deporte coa celebración do VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte, que terá lugar os días 11 e 12 de decembro. O evento, de inscrición gratuíta previa a través de sporturgalicia.com, poderá seguirse tanto de maneira presencial como en formato virtual.

O congreso está vencellado a Sportur Galicia, o Salón do Deporte e Turismo Activo, que celebrou a súa parte práctica o pasado mes de maio cos xogos deportivos inclusivos. Nesta edición, a programación céntrase exclusivamente no ámbito profesional e supón tamén o arranque da tempada deportiva 2025/2026 no recinto, coincidindo coa instalación da pista curta de atletismo cuberta.

A presentación oficial celebrouse esta mañá en Expourense coa participación do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o presidente do INORDE e deputado provincial de Turismo e Termalismo, Rosendo Fernández; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira; e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

O programa reúne a unha vintena de especialistas de España e Portugal que analizarán diferentes dimensións do turismo activo e do deporte. O congreso estrutúrase en tres bloques principais pensados para dar resposta ás demandas actuais do sector.

O primeiro, dedicado á accesibilidade e á inclusión en destinos turísticos e espazos naturais, terá lugar na mañá do xoves 11. Nel participarán entidades e profesionais como a Fundación ENKI, Portugal Accesible, Koan Consulting, Galicia Destino Sostible e AGETAN, que exporán experiencias e exemplos de boas prácticas.

Pola tarde celebrarase un obradoiro centrado no financiamento deportivo, un dos asuntos que máis preocupa aos organizadores de eventos. Especialistas de EME Sports, Veolia Agua e da Fundación Amare Terra compartirán casos reais de captación de patrocinios. A sesión estará moderada por Patricio Sánchez, director do Máster en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo.

O venres 12 pola mañá será a quenda do Foro Concellos Activos, dirixido a municipios que apostan polo turismo deportivo e de natureza. Intervirán representantes da Fundación Deporte Galego, da Deputación de Ourense, do Concello de Abegondo e da consultora Atlas Sport Consulting, ademais da presentación do caso de éxito do Concello de Benicarló.

Ademais das sesións principais, o congreso contará cunha pequena área expositiva e con dúas actividades abertas ao público. A primeira será unha xornada informativa sobre o programa estatal Campus Rural, que promove prácticas remuneradas para universitarios en concellos de menos de 5.000 habitantes. Terá lugar o xoves 11 ás 12.30 horas.

O venres 12 ás 10.30 celebrarase un obradoiro teórico-práctico de primeiros auxilios orientado ao deporte e ao turismo activo, impartido pola Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias de Galicia (TESGALICIA). Para participar é necesario reservar praza a través da web do evento.

Coincidindo coa colocación da pista curta de atletismo, Expourense acollerá tamén, os días 11 e 12, unha nova xornada do programa Xogade, que reunirá alumnado de secundaria de centros educativos de Ourense e da súa contorna.

⚙ Configurar cookies
0.081954002380371