O Ximnasia Burgas colleita dez podios no Nacional de Trampolín

O Ximnasia Burgas logrou un destacado papel no Campionato Nacional de Trampolín, ao conseguir un total de dez podios en distintas categorías e modalidades. O equipo ourensán proclamouse campión nacional por equipos en trampolín, a modalidade olímpica, nunha competición con vinte conxuntos participantes.
A nivel individual, Paula Touza acadou o título nacional en trampolín xuvenil, nunha categoría con 33 participantes, onde tamén destacou a súa compañeira Clara Rodríguez, que rozou o podio cun meritorio cuarto posto. Tamén foi campioa nacional en trampolín alevín Aira García, entre 29 ximnastas, mentres que Nikolai Raleko se impuxo como campión nacional en tumbling xuvenil.
Completan o medalleiro do Burgas tres subcampionatos: David Medeiros, en trampolín xuvenil; Valentina Fernández, en trampolín alevín; e Maksin Miniev, en tumbling infantil. Ademais, subiron ao terceiro caixón do podio Miguel Pérez (trampolín xuvenil), Leo Touza (dobre mini cadete) e John Bakir (tumbling infantil).
A competición continúa durante esta fin de semana coas probas de nivel Elite, nas que tamén participará o club ourensán.
Unha vez máis, o Ximnasia Burgas volve demostrar o seu nivel deportivo a pesar das limitacións que arrastra en canto a instalacións.