O XVIII Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense repartirá 12.000 euros en premios

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou as bases e convocatoria da XVIII edición do Certame de Artes Plásticas Deputación de Ourense. Foi creado no seu día co obxectivo de promover e fomentar a creatividade entre os autores máis novos, entendendo que son estes os que precisan un maior apoio e axudas. Con carácter bianual, desde os seus inicios foi xestionado a través do Centro Cultural Marcos Valcárcel.
O plazo de presentación das obras establecerase dende a convocatoria deste certame no Boletín Oficial da Provincia (BOP) ata o día 15 de xuño de 2025. As obras inscribiranse en formato on line, a través da plataforma www.mundoarti.com.
A convocatoria realízase para as modalidades de pintura, escultura, gravado e calquera outro tipo de expresión artística (vídeo, arte dixital, instalacións, etc). Poderán participar tódolos artistas con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos. A temática será libre, admitíndose todo tipo de tendencia estética. Na realización da obra poderase empregar calquera tipo de técnica e material. Cada concursante poderá participar cun máximo de dúas obras, aínda que pertenzan a distintas modalidades.
As obras axustaranse ás seguintes características:
- Pintura: Non superior a 2 metros en calquera das súas dimensións.
- Escultura: Terá unha altura máxima de 1,80 metros e unha base que non superará o 1x1 metro.
- Gravado e outras expresións artísticas: Medidas libres
As obras non poderán estar premiadas con anterioridade en ningún outro certame artístico. Establécense os seguintes premios, sen distinción de modalidade: primeiro premio (5.000 euros); segundo premio (3.000 euros); terceiro premio (2.000 euros). Contémplanse tamén dous accésits de 1.000 euros cada un. O xurado poderá conceder accésits honoríficos, se o estima oportuno, en vista da calidade dos traballos presentados. Tamén pode declarar deserto calquera dos premios.
As obras que reciban algún dos premios con dotación económica pasarán a formar parte dos fondos artísticos da Deputación Provincial de Ourense.