Organizan unha actividade para dar visibilidade ao colectivo LGBTIQ+ en Ourense

OurenseXa
A actividade está organizada polo PSdeG de Ourense “ante a ausencia de iniciativas e de programación polo Día do Orgullo por parte do goberno do Concello"
Cartel da actividade organizada polo PSOE para dar visibilidade ao colectivo LGTBIQ+
13 Xul 2024

A Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense organiza, xunto a Xuventudes Socialistas, unha actividade para dar visibilidade ao colectivo LGBTIQ+ o vindeiro xoves 18 de xullo nos xardíns emprazados ao carón do río Miño, preto da sede do partido (rúa Ribeira de Canedo, 24-26). Proxectarase ao aire libre a película '20.000 especies de abellas', aclamada e premiada en diferentes festivais como o de Berlín, o de Málaga ou os Galardóns de Cine Europeo.

“Ante a ausencia de iniciativas e de programación polo Día do Orgullo por parte do goberno do Concello de Ourense, dende a agrupación do PSdeG local queremos implicarnos, aportar o noso gran de area e apoiar ao colectivo da nosa cidade”, expón a edil e secretaria xeral de XX.SS., Alba Iglesias.

“Por iso –continúa explicando a secretaria de Igualdade e movementos LGTBI das Xuventudes ourensás, Ainoa Rodríguez Álvarez– proxectaremos unha película para que a cultura e as persoas máis vulnerables do colectivo non sexan opacadas nesta cidade por falla de medidas por parte de quen goberna”.

O filme estará aberto ao público ata completar aforo e comezará ás 22.00 horas. Mais antes tamén se poderán desfrutar duns petiscos e refrescos previos ao inicio da sesión. A longametraxe seleccionada para a ocasión abrangue as dificultades e confusións ás que se enfrontan os e as menores que non se recoñecen no xénero no que por inercia os e as sitúa a sociedade en base a estereotipos fortemente definidos.

0.19458889961243