Os autobuses urbanos de Ourense alcanzaron cifras récord de usuarios durante a Semana da Mobilidade
O servizo de autobuses do Concello de Ourense acadou o seu teito histórico en número de persoas usuarias durante a semana pasada, chegando a cifras de case 31.000 viaxeiros/as diarios. O goberno municipal fai un balance moi positivo da experiencia posta en marcha durante a Semana da Mobilidade (16 a 22 de setembro), na que todos os viaxes no servizo de autobuses urbanos foron gratuítos, e considera que esta proba piloto alenta boas expectativas cara á futura gratuidade permanente do servizo, que quere poñer en marcha o ano próximo na cidade.
As cifras de persoas usuarias dos autobuses de Ourense superaron un 22% os rexistros do ano pasado (2023) e tamén un 12% os de 2019, ano anterior á pandemia da COVID-19 que constituía o máximo histórico até agora. As maiores cifras rexistráronse nos días laborais centrais da semana; martes 17, mércores 18 e xoves 19, cando se superaron os 30.000 viaxeiros (con 30.849, 30.614 e 30.400, respectivamente).
O goberno municipal considera moi positivas as cifras rexistradas, tendo en conta que a experiencia piloto desta semana se realizou coas liñas vellas de transporte urbano “que non teñen o atractivo que terán as novas” que o Concello pretende poñer en marcha proximamente, e tamén que non todo o público chegou a ser coñecedor da gratuidade dos autobuses, durante unha semana, como si o sería no caso de que a gratuidade fose permanente.
Tras analizar os datos rexistrados, o goberno municipal estima que o número de persoas usuarias do servizo de autobuses “aumentará un 40% cando a gratuidade sexa permanente en 2025”, sen desbotar aínda a posibilidade de chegar a duplicar no futuro o número de pasaxeiros/as. Será, afirman, “un cambio de paradigma en España, porque nunca se fixo algo así nunha cidade española”, e subliñan os beneficios que reportará esta medida, en materia de redución drástica do número de vehículos individuais que circularán pola cidade, coa consecuente redución da contaminación que estes producen. “Vai ser pioneiro en España, polo que Xunta e Estado deberían axudar”, conclúen.