Nova xornada de protestas dos traballadores municipais do Concello de Ourense contra a política de persoal do alcalde
Ourense viviu durante este mércores e xoves novas xornadas de movilizacións por parte dos traballadores municipais do Concello de Ourense, que irán á folga os días 31 de outubro e 4 de novembro.
Os motivos que levan aos traballadores e traballadoras do Concello a tomar esta decisión son, fundamentalmente, os “desprezos do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, polo plan de estabilización e o seu proceder continuo respecto á política de persoal dos últimos 5 anos”.
Os traballadores do Concello veñen tempo denunciando tratos discriminatorios e denuncias de acoso por parte do alcalde, como foi o caso do interventor, a quen o Xulgado do Social número 1 de Ourense deu a razón, obrigando ao concello a indemnizalo e a reincorporalo ao seu posto, ou o sonado caso da tesoureira municipal, a quen Jácome cesaba do seu cargo por ser “demasiado tiquismiquis”.
Sen embargo, os traballadores denuncian que estes non serían casos illados, senón que o propio rexedor, a través das súas redes sociais e durante as sesións plenarias, acusou en reiteradas ocasión aos funcionarios municipais de non estar cualificados para facer o seu traballo e de ser uns “enchufados”.
Os bombeiros súmanse ás denuncias pola atitude do alcalde
O bombeiros do Concello de Ourense aseguran estar “fartos de ser masacrados, humillados e sometidos ao escarnio público” desde a chegada de Gonzalo Pérez Jácome á Alcaldía. Nunha rolda de prensa, representantes do corpo municipal de bombeiros, explicaban esta mañá os motivo que os levarán á folga os vindeiros día 31 de outubro e 4 de novembro, e aseguraban que a cidade “segue funcionando grazas ao traballo dos compañeiros e compañeiras” e non pola política do Goberno Muncipal.
Os bombeiros denuncian os impagos a parte do persoal que "leva máis dun ano sen cobrar polo traballo realizado, e outros aos que se lle deben complementos específicos desde o principios de ano”. Por iso, afirman, “chega un momento no que temos de dicir basta”. Así, os bombeiros ourensáns plántase ante a actitude do alcalde que, segundo denuncian os traballadores do Concello, esténdese a todos os funcionarios municipais.
A situación entre o corpo de bombeiros e o Goberno Municipal vense tensando nos últimos meses, que en varias ocasións denunciaron os impagos en parte das nóminas dos traballadores e traballadoras. Agora, “a gota que colma o vaso”, explican, é o proceso de estabilización, pactado en 2022, “que ten data límite o 31 de decembro de 2024” e que, segundo indican, “nin está nin se lle espera”.
Incorporación de dez novos bombeiros
Precisamente este mércores, o Concello de Ourense anunciaba a contratación de dez novos bombeiros condutores para reforzar o servizo de prevención de incendios e que se incorporan como funcionarios interinos por un prazo de tres anos.
Unha contratación que, segundo denuncian desde CCOO, podería ser “ilegal”, xa que poderían non haber pasado un proceso de selección e as pertinentes probas físicas.