Os centros comerciais abertos de Ourense recibiron preto de 230.000 euros para impulsar a súa dinamización

OurenseXa
En concreto, destináronse arredor de 28.000 euros ao de O Carballiño, 56.000 euros ao de Verín, 43.700 euros ao de Ourense, 44.000 euros ao de O Barco e 28.000 euros aos de Celanova e Ribadavia
centros-cmerciais-abertos-ourense
27 Feb 2026

A Xunta de Galicia destinou na última convocatoria de axudas preto de 230.000 euros a seis centros comerciais abertos da provincia de Ourense co obxectivo de reforzar a súa capacidade de dinamización e apoiar a actividade do comercio local.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou varios establecementos adheridos á Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto, unha das entidades beneficiarias. No seu caso, recibiu 28.000 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para fortalecer a súa excelencia e o seu papel como motor comercial na contorna na que opera.

Xunto ao de O Carballiño, tamén foron apoiados os centros comerciais abertos de Verín, con preto de 56.000 euros; Ourense, con máis de 43.700 euros; O Barco, con 44.000 euros; Celanova, con 28.000 euros; e Ribadavia, con outros 28.000 euros.

Durante a visita, o representante autonómico lembrou que xa está en marcha unha nova convocatoria destas axudas, dotada cun orzamento global de 2,5 millóns de euros e aberta ata o vindeiro 12 de marzo. Está dirixida a asociacións de comerciantes de carácter territorial e sen ánimo de lucro que desenvolvan proxectos destinados a revitalizar a actividade comercial nas súas localidades.

Segundo explicou Pardo, esta liña de subvencións forma parte do compromiso do Goberno galego coa posta en marcha de accións de dinamización orientadas a incentivar o consumo, atraer clientela e, en consecuencia, incrementar as vendas do comercio de proximidade. A nova edición introduce criterios de valoración que priman a formación dos comerciantes, a fidelización da clientela e a capacidade para atraer novos establecementos asociados. Como novidade, subvencionaranse tamén servizos de ludoteca e espazos de lecer infantil.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, priorizando a calidade das propostas. As asociacións mellor valoradas poderán acceder, ademais, a apoios extraordinarios de ata 20.000 euros para actividades complementarias desenvolvidas en coordinación cos concellos e outras entidades locais. Así mesmo, incorpórase o requisito de empregar a nova marca do Comercio Galego para reforzar a visibilidade do sector.

Poderán optar a estas subvencións as asociacións de comerciantes con polo menos tres anos de antigüidade, xestión profesionalizada, delimitación territorial definida e unha representación mínima de 50 negocios retallistas. Entre as condicións, deberán presentar un programa que inclúa polo menos seis campañas con participación directa dos comercios e da clientela, así como accións formativas.

A contía máxima subvencionable variará en función do número de establecementos asociados: ata 65.000 euros para entidades con 100 ou máis comercios; 55.000 euros para aquelas que agrupen entre 70 e 99; e 40.000 euros para as que conten con entre 50 e 69 negocios. A intensidade da axuda poderá situarse entre o 70 % e o 90 % do proxecto, segundo a puntuación acadada, reservándose ademais 100.000 euros do total para apoiar as cinco mellores iniciativas con financiamento adicional para actuacións extraordinarias de dinamización.

0.14094996452332