Os centros de Trives e Xinzo, recoñecidos pola súa atención domiciliaria e accesibilidade nos Premios aos Plans Locais de Saúde

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras ten previsto completar este ano a implantación dos Plans Locais de Saúde en todos os seus centros de atención primaria
premios-saude-trives-xinzo
10 Apr 2026

Os servizos de Atención Primaria de A Pobra de Trives e Xinzo de Limia foron distinguidos na IV edición dos Premios aos Plans Locais de Saúde, que recoñecen boas prácticas no ámbito sanitario. No caso de Trives, o galardón pon en valor o seu labor en atención domiciliaria, mentres que o de Xinzo destaca pola súa accesibilidade, dous aspectos clave dun modelo asistencial orientado á proximidade coa cidadanía.

Os Plans Locais de Saúde constitúen unha ferramenta estratéxica para reforzar a Atención Primaria, ao integrar a asistencia sanitaria co coñecemento do contexto social, demográfico e epidemiolóxico de cada territorio. Este enfoque permite adaptar as actuacións ás características de cada comunidade, mellorando a eficacia da atención e reforzando un modelo centrado nas persoas.

A experiencia de ambos centros exemplifica o impacto deste tipo de planificación. No caso de Trives, o recoñecemento á atención domiciliaria destaca o seguimento continuado de pacientes, especialmente daqueles con maior complexidade ou dificultades de desprazamento, garantindo a continuidade asistencial no propio domicilio. Pola súa banda, Xinzo de Limia foi premiado pola súa accesibilidade, facilitando o contacto da cidadanía co sistema sanitario a través dunha mellor organización da demanda, circuítos máis áxiles e unha maior capacidade de resposta desde o primeiro nivel asistencial.

Ambos modelos comparten unha mesma filosofía baseada en achegar a sanidade á vida cotiá das persoas, impulsar a prevención, favorecer a detección temperá de problemas de saúde e reforzar a educación sanitaria, ao tempo que se mellora a coordinación cos servizos hospitalarios.

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras ten previsto completar este ano a implantación dos Plans Locais de Saúde en todos os seus centros de atención primaria, no marco da estratexia da Consellería de Sanidade para fortalecer o primeiro nivel asistencial. Na actualidade, esta liña de traballo xa está presente na maioría dos centros de saúde da área, que se foron incorporando de maneira progresiva.

No conxunto de Galicia, xa son 121 os servizos de Atención Primaria que dispoñen dun plan local de saúde, dando cobertura a máis de 2,2 millóns de persoas, cun obxectivo de implantación total a curto prazo. Neste contexto, a área ourensá aliñase con esta estratexia autonómica, apostando por coñecer mellor á poboación, escoitar as súas necesidades e actuar sobre os factores que condicionan a saúde desde o ámbito máis próximo.

Os premios a Trives e Xinzo recoñecen tamén o compromiso dos seus profesionais coa mellora continua, a innovación na organización e a atención centrada no paciente, consolidando o papel dos centros de saúde como eixo do sistema sanitario e promovendo unha asistencia máis accesible, humana e coordinada.

0.12732601165771