Os Clubs de Ciencia promoven as vocacións científicas entre o alumnado dunha trintena de centros educativos ourensáns
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou este venres o Colexio CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro de Barbadás, onde coñeceu as actividades desenvolvidas polo Club de Ciencia, un espazo que promove as vocacións científico-tecnolóxicas.
Neste clube inclúense proxectos desde a etapa de Infantil, centrados no medio ambiente e a sustentabilidade como o coidado da horta escolar, onde o alumnado experimenta con diferentes especies vexetais, e a creación dun herbario escolar, que axuda a comprender os ecosistemas e fomenta a conciencia medioambiental.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP afirmou que o Club de Ciencia “é un exemplo de como a curiosidade e o traballo colaborativo poden inspirar aos máis novos e fomentar o compromiso co coñecemento científico-tecnolóxico”.
O Colexio CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro é un dos 30 centros educativos da provincia que participan neste programa de innovación educativa. Este curso 2024/2025, a provincia de Ourense incorpora tres novos centros a esta iniciativa: o Instituto IES Xesús Taboada Chivite de Verín, o IES de Allariz e o IES Aquis Querquernis de Bande.
Liderado estatal en Ciencias
Creado pola Xunta de Galicia no curso 2016/2017, creceu desde os dez centros iniciais ata alcanzar este curso os 223 e máis de 14.500 estudantes, dos que 30 centros son de nova incorporación. Este ano, como novidade, incorpora unha rede de centros que promove o apoio mutuo entre alumnado e profesorado e facilita a comunicación entre os docentes implicados.
Con un orzamento de 200.000 euros, o programa Club de Ciencia está integrado na Estratexia educación dixital 2030 da Consellería. Este plan busca fomentar as vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e aliñar o sistema educativo coas demandas do futuro.
Neste senso, Judith Fernández destacou que o últimos estudos de Pisa e Timss demostran que os estudantes galegos están entre os mellores en Ciencias en España.
Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional