Os concello ourensáns recibirán máis de 1 millón de euros en axudas para preservar a Biodiversidade da Rede Natura 2000

Entre as actuacións subvencionables, inclúense iniciativas para preservar os hábitats ou ecosistemas naturais
Manuel Pardo nunha visita a San Cristovo de Cea
10 Out 2024

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, supervisou esta mañá as obras para a creación da ruta Serra Martiñá, nas que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático investiu preto de 25.000 euros.

O delegado territorial explicou que con esta actuación preténdese promover a creación e adecuación en cada Zona de Especial Conservación (ZEC) das infraestruturas de uso público necesarias para achegar a poboación local e os visitantes aos valores do espazo natural, de forma ordenada e compatible cos obxectivos de conservación.

Manuel Pardo, destacou que a Xunta concedeu máis de 1 millón de euros a axudas para recuperar, preservar e mellorar a biodiversidade da rede Natura 2000 na provincia de Ourense sendo os beneficiarios os concellos da Gudiña, Larouco, San Cristovo de Cea, Chandrexa de Queixa, O Irixo, O Bolo, Manzaneda, Laza, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Montederramo, Vilar de Santos, Monterrei, Beariz, Vilar de Barrio, A Veiga, A Mezquita, Porqueira e Quintela de Leirado; que reciben máis de 400.000 euros; as persoas físicas -preto de 60.000 euros-, e entidades como asociacións sen ánimo de lucro e comunidades de montes veciñais en man común, que se reparten máis de 600.000 euros.

O representante do Goberno galego lembrou que o obxectivo desta orde de axudas, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, é subvencionar proxectos que contribúan ao mantemento das condicións ambientais necesarias para a conservación e recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats así como á mellora da paisaxe rural tradicional.

Actuacións subvencionables

Entre as actuacións subvencionables, inclúense iniciativas para preservar os hábitats ou ecosistemas naturais como, por exemplo, a eliminación de especies invasoras, a restauración da vexetación de ribeira ou a recuperación de puntos de auga ou áreas asolagadas como zonas importantes para a flora e a fauna acuáticas ou terrestres.

Ademais, recibiron financiamento actuacións que teñan como obxectivo a mellora da paisaxe agraria, como a restauración de cercas ou muros de cachotaría e cantería; a adecuación de carreiros rurais; a creación de rutas e áreas recreativas, e a sinalización de camiños e sendas.

A maiores, tamén foron subvencionables actuacións dirixidas á rehabilitación de elementos históricos ou culturais como hórreos, milladoiros, cabanas, fontes, alvarizas, muíños ou fornos tradicionais.

A Rede Natura 2000 é un instrumento fundamental da política da Unión Europea en materia de conservación da biodiversidade. En Galicia está conformada por 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA), que abarcan máis de 100.000 hectáreas, e 59 zonas especiais de conservación (ZEC), que ocupan preto de 375.000 hectáreas.

0.17575597763062