Os concertos das Festas da Valenzá 2025 cambian de localización

OurenseXa
Trasládanse do parque da Liberdade á rúa 17 de Maio durante a noite do venres ante a necesidade de maior aforo e por recomendación de Protección Civil para garantir a seguridade
festas-a-valeza
Festas da Valenzá, imaxe do Concello de Barbadás
27 May 2025

O Concello de Barbadás, por recomendación de Protección Civil, tomou a decisión de cambiar a localización dos concertos da noite do venres 6 de xuño das Festas da Valenzá 2025 para garantir a seguridade do público asistente. A comisión de festas informou nestes días ao goberno local sobre a ampliación da programación inicial, coa incorporación dunha orquestra, ademais da discomóbil, polo que se revisou a viabilidade da localización prevista nun primeiro momento, que era o parque da Liberdade.

Despois de analizar o espazo dispoñible e o aforo esperado, Protección Civil recomendoulle ao Concello mudar o lugar dos concertos para cumprir a normativa vixente e garantir en todo momento a seguridade dos asistentes e a accesibilidade dos servizos de emerxencias. Así, a actuación da orquestra e da discomóbil terá lugar finalmente na rúa 17 de Maio, por ser o espazo máis apropiado e o único que garante o cumprimento de todos os requisitos de seguridade.

A celebración das festas levarase a cabo os días 6, 7, 8 e 11 de xuño, segundo anunciou a comisión, encargada da organización da celebración. O resto da programación manterá a localización inicial, aprobada polo Concello por cumprir a normativa de seguridade.

Por agora, a comisión avanzou a participación das agrupacións orquestra New York e Discomóbil Apocalipsis. Nas próximas semanas, o equipo organizador irá dando a coñecer o resto das actividades e concertos dos que gozará a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.17323708534241