O PP de Ourense insta ao Goberno a acometer en 2026 traballos de reparación e posta en valor da Ponte Nova

OurenseXa
Sinalan que as ultimas actuacións levadas a cabo nesta infraestrutura datan do 2018 e que, desde entón, a ponte sufriu danos que esixen unha nova intervención
ponte-nova-ourense
16 Dec 2025

Os deputados ourensáns do Partido Popular no Congreso, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, veñen de rexistrar unha pregunta escrita dirixida ao Goberno para reclamar a execución das actuacións de reparación e posta en valor na “Ponte Nova” de Ourense durante o vindeiro ano 2026.

A “Ponte Nova”, que cruza o río Miño e forma parte da estrada N-120 de titularidade estatal, foi proxectada polo enxeñeiro Martín Díez de la Banda en 1909, iniciándose as obras en 1910 e inaugurándose en 1918. Esta emblemática infraestrutura consta de seis arcos de sillería e un tramo metálico central, con diferentes tipos de arcos que conforman unha disposición arquitectónica complexa e singular.

Dende o PP explican que pasaron xa sete anos desde a conmemoración do Centenario da Ponte Nova e consideran “moi evidente” que esta ponte “esixe novas actuacións de limpeza na sillería e peitorís, eliminación de maleza e pintadas vandálicas, solucionar problemas de humidades baixo os arcos, pintura da estrutura metálica, entre outras necesidades”.

Lembran que en 2018, con motivo do centenario, o Ministerio de Fomento realizou diversas intervencións para reparar e poñer en valor a ponte, incluíndo limpeza da sillería, eliminación de vexetación e mellora do firme e da iluminación, cun investimento aproximado de 100.000 euros. Porén, desde entón, segundo os populares, esta infraestrutura emblemática.

Os deputados populares instan ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible (MITMS) a ser “sensible e proxectar e executar estas actuacións necesarias” e tomar como exemplo os traballos realizados pola Xunta de Galicia na Ponte Vella de Ourense, que en setembro de 2025 finalizou un mantemento que incluíu a retirada manual de vexetación e a limpeza das xuntas das pedras.

Por iso, os parlamentarios preguntan directamente se o Ministerio se compromete a levar a cabo no ano 2026 as intervencións de limpeza da sillería e peitorís, eliminación de maleza e pintadas, solución aos problemas de humidade baixo os arcos, e outras medidas necesarias para preservar esta importante peza do patrimonio arquitectónico ourensán.

⚙ Configurar cookies
0.081690073013306