Os escolares de Barbadás plantan unha trintena de árbores no parque da Solaina e no entorno de Vilaescusa

OurenseXa
O alumnado dos CEIP O Ruxidoiro e Filomena Dato conmemoraron o Día da Árbore coa plantación dunha trintena de exemplares no parque da Solaina e no entorno de Vilaescusa
Barbadas_dia_da_arbore
Os nenos e as nenas de Barbadás festexan o Día da Árbore
22 Mar 2024

O alumnado dos CEIP O Ruxidoiro e Filomena Dato conmemoraron o Día da Árbore coa plantación dunha trintena de exemplares no parque da Solaina e no entorno de Vilaescusa. Foi unha clase ao aire libre, unha xornada de convivencia e concienciación sobre a necesidade de coidar o medioambiente. Os nenos e nenas de Barbadás deron onte unha lección de educación ambiental aos maiores, segundo explican dende o Concello de Barbadás.

No Parque da Solaina os escolares plantaron unha ducia de magnolias, tilos e érbedos. No entorno de Vilaescusa crecerán, grazas a esta actividade de concienciación ambiental, unha vintena de vimbios e bidueiros. Os nenos e nenos aprenderon a preparar a terra para plantar as árbores e a protexelas e coidalas.

A tenente de alcalde, Victoria Morenza, explicou que se elixiron o Parque da Solaina e o entorno de Vilaescusa “porque son zonas de lecer e punto de entorno cada día para decenas de nenos e nenas”. Insistiu en que a actividade “pretende involucrar ao alumnado no coidado das árbores e da natureza”.

A concelleira de Educación, Marga Pérez, afirmou que “hoxe é un día moi especial na que os nenos e nenas dos colexios de Barbadás participan nunha actividade de contacto coa natureza plantando árbores que irán medrando con eles, que deberán coidar e que dentro duns anos lles darán sombra”.

Día da Poesía

Este xoves, 21 de marzo, coincidiu a celebración do Día da Árbore e o Día da Poesía e os escolares de Barbadás tamén quixeron celebrar esta data. Os alumnos e alumnas compuxeron distintos versos que escribiron en papeliños e estes repartíronse polas cafeterías da avenida de Celanova. Cada café que se serviu esta mañá estivo acompañado de poesía.

0.15268015861511