Os escolares ourensáns homenaxean a Eduardo Blanco Amor

OurenseXa
Os estudantes realizaron a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco
Homenaxe a Blanco Amor en Ourense
Homenaxe a Blanco Amor en Ourense
3 Dec 2024

O cemiterio de San Francisco acolleu este luns a tradicional ofrenda floral homenaxe ao escritor ourensán Eduardo Blanco-Amor, ao carón do lugar onde repousan os seus restos. Este acto realízase, organizado pola fundación que leva o nome do autor, cada 1 de decembro con motivo do aniversario do pasamento do intelectual ourensán, hai xa 45 anos. Neste caso, por coincidir en domingo, trasladouse ao luns a ofrenda. A Deputación de Ourense sumouse a esta conmemoración coa participación do director da área de Cultura, Marcos Vázquez.

Esta homenaxe a Blanco-Amor no cemiterio de San Francisco naceu a comezos dos anos 80, a iniciativa de Marcos Valcárcel e outros amigos de Eduardo Blanco-Amor, á que se sumou de inmediato o IES de A Ponte, que nesa época pasaría a chamarse IES Eduardo Blanco Amor a petición da profesora María do Carmo Henríquez Salido.

O presidente da Fundación Eduardo Blanco Amor, Luis González-Tosar, participou no acto acompañado polos rapaces do instituto que leron poemas fronte a tumba do escritor.

Un premio de récords

Cabe recordar que o XLIII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor recaeu no escritor porriñés Diego Giráldez polo seu traballo "As obras póstumas", escollido entre un total de 49 orixinais presentados a esta edición, máis do dobre dos recibidos en 2023. Organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor coa colaboración da Deputación de Ourense, o premio está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor Acisclo Manzano. O premio entregarase o próximo 13 de decembro nunha gala literaria no Liceo de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.10409808158875