Os espazos da Fundación Curros Enríquez amplían os seus horarios de visita durante o mes de abril

OurenseXa
A Casa dos Poetas e a Torre da Homenaxe poderán visitarse ata as 19:00 horas durante os días de apertura e, ademais, haberá visitas guiadas a distintos espazos de Celanova
Torre de Vilanova dos Infantes
9 Apr 2026

A Fundación Curros Enríquez incrementa desde este mes de abril os horarios de apertura dalgúns dos espazos culturais que xestiona no concello de Celanova. Coincidindo coa chegada da primavera, tanto a Casa dos Poetas como a Torre da Homenaxe, en Vilanova dos Infantes, amplían a súa atención ao público pola tarde ata as 19.00 horas.

A Casa dos Poetas abrirá de martes a venres en horario de mañá e tarde, mentres que os sábados manterá tamén dobre quenda. Pola súa banda, a Torre da Homenaxe poderá visitarse durante fins de semana e festivos, con acceso tamén en horario de tarde.

Desde este enclave medieval organizaranse visitas guiadas polo conxunto histórico de Vilanova dos Infantes, que inclúen tanto o acceso á torre como un percorrido polas rúas da vila ata a Cova de San Vivián, onde se atopa unha sala etnográfica dedicada ao oficio dos zapateiros. Estas visitas, cunha duración aproximada dunha hora, realizaranse nos días de apertura en dúas quendas e partirán sempre desde a propia torre, sendo recomendable reservar previamente.

A Fundación sinala que durante esta tempada a atención a grupos escolares condicionará parte da actividade. Por este motivo, as visitas á Torre das Campás do mosteiro de Celanova e os percorridos culturais pola vila organizaranse baixo demanda entre semana, co fin de compatibilizar a atención ao público xeral coas actividades educativas.

Ademais da programación guiada, o municipio ofrece outras opcións para visitar por libre, como o xacemento castrexo de Castromao ou a contorna de Pontefreixo, onde se poden ver elementos como unha ponte romana e petroglifos, todos eles sinalizados e con información interpretativa.

Por outra banda, tamén se amplía o horario de atención da oficina de turismo do Concello de Celanova, que xestiona as visitas ao mosteiro de San Salvador. Este servizo ofrecerá máis quendas tanto entre semana como en fins de semana e festivos, facilitando así o acceso a un dos principais atractivos patrimoniais da vila.

0.12042307853699