Os grupos municipais de Barbadás poderán ceder a súa quenda de palabra á veciñanza
Fai apenas unhas semanas, o BNG de Barbadás anunciaba a proposta dunha modificación do Regulamento Orgánico Municipal tras o acontecido no Pleno do pasado 9 de setembro, cando o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, impediu que o BNG cedese unha das súas quendas de intervención a unha veciña.
Nun comunicado, o BNG lamentaba o aumento de ata un 120% das taxas relativas ás Escolas Deportivas municipais por parte do goberno do PSdeG-PSOE e Democracia Orensana, algo que segundo advertían, deixaría fora “a moitas familias e crianzas que por unha cuestión económica non as van poder inscribir, algo que para nós e grave e que non se xustifica de ningunha maneira”.
A situación creou un enorme malestar entre a veciñanza, que denuncia especialmente a situación na que esta subida deixa ás familias en situación de vulnerabilidade. Agora, e tras unha moción presentada polo Partido Popular que contou co apoio do BNG, o Concello bonificará a quen acredite unha situación de vulnerabilidade económica, algo ao que se comprometeu o alcalde de cara ao próximo ano, pese a que tanto o seu partido como D.O abstivéronse.
Quendas de palabra para a veciñanza
Derivado tamén desta situación das novas taxas das Escolas Deportivas e durante o pasado pleno de setembro, o BNG, que pedía a conxelación de ditas taxas, decidía ceder a súa segunda quenda de intervención a unha veciña presente na sesión. A resposta do Alcalde foi negarse e impedir que esta participase do debate
Un feito de enorme relevancia para o BNG xa que, tal e como afirmaba fai unhas semanas a concelleira nacionalista, Nuria Feijóo, “a cesión de quendas de intervención foi no noso Concello unha práctica habitual, tanto nos mandatos do Alcalde actual como co anterior, polo que entendemos que aínda que no Regulamento Orgánico Municipal puidera non estar recollido, esta cesión de quendas, formaba parte da memoria colectiva desta institución”, e engade, “algo que o Alcalde vén de tirar por terra, truncando dese xeito a democracia e a participación veciñal nos asuntos públicos”.
Ante esta situación, o BNG presentou no pleno deste luns, 7 de outubro, unha moción para modificar o artigo 32.5 no que se incluiría un novo parágrafo no que se conteña a posibilidade que cada Grupo político poida ceder os tempos da súa intervención durante a defensa das súas mocións a calquera veciña ou veciño, representante dun colectivo social ou veciñal, cedéndolle mesmo o seu asento para a realización de dita intervención”.
A moción saíu adiante grazas ao apoio do Partido Popular, que votou a favor.