Os incendios en Ourense comezan a remitir con só dous focos activos este domingo

A provincia de Ourense comeza a respirar un pouco de calma tras máis dunha semana de tensión provocada polos incendios forestais. A situación de hoxe é máis tranquila, aínda que continúan activos varios grandes lumes, cunha atención especial ao de Vilariño de Conso-Mormentelos, que permanece activo tras reactivarse o xoves 14, e ao de Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casaio, que entrou en Galicia dende Castela e León.
A magnitude desta vaga de lumes é tal que, en apenas dúas semanas, Ourense rexistrou os maiores incendios documentados na historia recente de Galicia, superando o do Courel en 2022, que calcinara 11.500 hectáreas. O de maior extensión continúa sendo o de Larouco, declarado o mércores 13, que xa alcanzou arredor de 30.000 hectáreas, converténdose no terceiro máis grande da historia de España dende que existen rexistros. Este lume afecta tamén a Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras, e permanece estabilizado.
A continuación sitúase o incendio que une Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) con Vilariño de Conso (Mormentelos). Estes focos, iniciados os días 8, 12 e 14 de agosto, deron lugar a un único gran incendio de aproximadamente 19.000 hectáreas, que tamén afecta a Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Actualmente, os focos de Parafita e Requeixo están estabilizados, pero o de Mormentelos continúa activo, aínda que evoluciona favorablemente.
Outro dos grandes lumes é o de Oímbra-A Granxa, iniciado o martes 12, que se uniu co de Xinzo de Limia, en Gudín, sumando unhas 17.000 hectáreas afectadas. Este incendio, que tamén chegou a Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar, permanece xa estabilizado.
En A Mezquita, o lume iniciado na parroquia da Esculqueira afecta arredor de 10.000 hectáreas, estendéndose tamén á Gudiña, Viana do Bolo e mesmo á provincia de Zamora. O incendio está estabilizado dende o venres.
O quinto foco activo é o de Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casaio, que permanece en situación complicada e afecta arredor de 3.500 hectáreas na contorna da serra de Trevinca.
Ademais destes grandes incendios, están estabilizados os de Carballeda de Avia e Beade (4.000 hectáreas), Vilardevós-Vilar de Cervos (900 hectáreas), Vilardevós-Fumaces e A Trepa (100 hectáreas), Riós-Trasestrada (20 hectáreas) e Montederramo-Paredes (120 hectáreas).
Xunto a eles, tamén permanecen controlados outros tres lumes: o de Montederramo-Paredes, que afecta unhas 120 hectáreas; o de Vilardevós-Moialde, con arredor de 600 hectáreas; e o de Maceda, iniciado en Santiso e Castro de Escuadro, que queimou unhas 3.500 hectáreas, parte delas no concello veciño de Vilar de Barrio.
A isto súmanse dous incendios xa extinguidos: Rante, en San Cibrao das Viñas (40 hectáreas) e Seixalbo (107,79 hectáreas).
En total, os lumes levan calcinadas máis de 88.740 hectáreas só no que vai de agosto.