Os máis pequenos de Maceda participaron esta semana en actividades sobre igualdade

A Biblioteca de Maceda acolleu onte unha actividade organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) con motivo do Día Internacional das Mulleres.
A sesión comezou co contacontos “Bonobos con lentes de…”, a cargo do grupo de contacontos do Centro Sociocultural de Maceda. Tras a narración, as nenas e nenos participaron no obradoiro “As lentes da igualdade”, no que crearon as súas propias gafas para “mirar o mundo con ollos máis xustos e igualitarios”.
Desde o CIM de Maceda agradecen a participación de todas as persoas que asistiron á actividade e lembran que estas iniciativas buscan fomentar valores de igualdade desde idades temperás.