Os museos etnográficos da provincia de Ourense protagonizan unha exposición no campus

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Entre os museos e centros recollidos están o de Olería de Niñodaguia, o da Identidade de Chandrexa de Queixa ou o do Coiro de Allariz
mostra-museos-campus
Imaxe do campus de Ourense
26 Mar 2025

Ata finais deste mes, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense alberga a exposición Ourense e os seus museos e centros etnográficos, organizada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense. A mostra permite realizar un percorrido exhaustivo por arredor dunha vintena de espazos dedicados á etnografía na provincia, que abarcan temas diversos, desde oficios tradicionais ata a historia da escola no ámbito rural.

A exposición, de carácter informativo, está ubicada no terceiro andar do Edificio de Ferro e consta dunha serie de paneis dedicados a diferentes museos e centros etnográficos de Ourense. Cada panel ofrece información detallada sobre o centro en cuestión, incluíndo a súa historia, fondos, titularidade, dirección e datos de contacto. Entre os centros destacados figuran o Museo do Chocolate de Parada de Sil, o Museo de Olería de Niñodaguia, o Museo da Identidade de Chandrexa de Queixa, o Museo da Limia de Vilar de Santos, o Museo da Infancia e da Escola, o Museo de Interpretación da Castaña, o Museo Etnográfico de Vilariño de Conxo, o Museo do Coiro de Allariz, o Museo dos Devanceiros e a Casa da Lagoa de Antela.

Ademais de ofrecer unha visión individualizada de cada un destes espazos, a exposición tamén permite adentrarse na evolución da museoloxía en Galicia. Expón como os procesos de integración europea e a desagrarización do país, xunto cunha crecente conciencia cultural sobre o propio, xurdiron de fenómenos como a nostalgia polo pasado rural e a necesidade de explorar novas alternativas á marxinación do medio rural. Este contexto explica a proliferación de museos etnográficos en moitos concellos de Galicia e en asociacións culturais durante as décadas dos anos oitenta e noventa.

Esta iniciativa chega ao campus de Ourense grazas á colaboración de Nicole Rodríguez, estudante da Facultade de Educación e Traballo Social, quen realizou as súas prácticas profesionais no Centro Cultural Popular Xaquín Lorenzo.

⚙ Configurar cookies
0.17212104797363