Os nenos de 6º de Primaria do CEIP Padre Feijoo e os usuarios do Centro de Día de Allariz achegáronse á obra de Manuel Valcárcel

Os nenos de 6º de Primaria do CEIP Padre Feijoo e os usuarios do Centro de Día de Allariz achegáronse a pasada semana á obra de Manuel Valcárcel cunha visita á Casa da Cultura para ver a exposición “Destino”
A mostra, que botará o peche este martes, reúne o traballo do fotógrafo galego Manuel Valcárcel en catro peregrinacións realizadas en distintos puntos do mundo: o Tíbet, Senegal, México e Galicia. A través da fotografía documental, o autor propón un percorrido visual que conecta realidades diversas e reflexiona sobre cuestións universais como a identidade, a emigración, a familia, o envellecemento ou a procura dun fogar.
"Destino" formula a viaxe como unha experiencia colectiva e, ao mesmo tempo, como un proceso de reflexión persoal, no que as imaxes acompañan o espectador nunha narración marcada pola emoción e a cor.