Os nenos e nenas do campamento urbano Amencer celebraron o tradicional Día do Parlamento

A participación infantil foi a protagonista dunha xornada especial do campamento urbano da Asociación Xuvenil Amencer, que celebrou este mércores o seu particular “Día do Parlamento” cunha visita institucional tanto á Deputación Provincial como ao Concello de Ourense.
Na Deputación, preto de medio cento de nenos e nenas foron recibidos polo deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, no Pazo Provincial. Alí celebrouse un pleno infantil no que os participantes debateron propostas de novas actividades para futuras edicións do campamento. Ao rematar a sesión, recibiron agasallos institucionais e fixeron entrega dun diploma conmemorativo á Deputación.
Durante o encontro, Rosendo Fernández respondeu ás preguntas dos rapaces e rapazas e explicoulles o papel da institución provincial. “Cando un veciño ten un problema acode ao seu alcalde, e cando un alcalde ten unha necesidade acode á Deputación, que é o concello dos concellos, cooperando na prestación de múltiples servizos”, afirmou, citando exemplos como a recollida de lixo ou a xestión do ciclo da auga.
Pola súa banda, no Concello de Ourense, os participantes foron recibidos pola concelleira de Educación e Xuventude, Tamara Silva, na Casa do Concello. Durante a visita, tamén houbo espazo para o debate, centrado en temas de actualidade que preocupan á infancia e á mocidade, fomentando o interese pola participación cidadá e polo funcionamento das institucións.
O campamento urbano Amencer, que conta coa colaboración do Concello de Ourense, celebra este ano a súa 38ª edición baixo o lema “Unha historia con futuro”. Iniciouse o pasado 1 de agosto e continuará ata o día 13, ofrecendo unha alternativa gratuíta de lecer educativo para nenos e nenas de entre 8 e 16 anos, consolidándose como unha das propostas veraniegas máis asentadas na cidade.