Os Polos de emprendemento de Baños de Molgas, O Carballiño e Silleda promoven as alianzas entre as persoas emprendedoras
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, clausurou este xoves a actividade 'Facer rede: Construción de alianzas e contactos entre persoas emprendedoras', organizada polos Polos de emprendemento de Baños de Molgas, O Carballiño e Silleda en colaboración co Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole. Alí puxo de relevo o apoio da Xunta de Galicia ás actividades deste tipo para a creación de alianzas entre persoas emprendedoras co fin de fortalecer o tecido empresarial.
Nesta liña, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais salientou que a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego do Goberno galego é un grande apoio para xerar aprendizaxe, crecemento e riqueza e que, grazas a medidas como esta, a Unión Europea recoñeceu a Galicia co premio Rexión Emprendedora Europea 2025.
Ademais, lembrou que a Xunta ten en marcha coas confederacións empresariais de Ourense, A Coruña, Pontevedra e Lugo os encontros do programa Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente, financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e que arrancaron esta semana en Ourense.
En relación coa actividade celebrada hoxe nas instalacións de Tecnópole, Pablo Fernández recoñeceu o seu valor, xa que combinou unha parte lúdica na que as persoas participantes interactuaron e intercambiaron experiencias sobre o emprendemento e a importancia de crear redes e colaboracións, con outra parte máis individual na que cada participante traballou en relación coas súas fortalezas e carencias. O evento incluiu unha terceira parte de interactuación dos participantes cos demais asistentes co fin de localizar a posibles provedores, prescritores ou socios.
Esta actividade parte dos polos de emprendemento de Baños de Molgas, O Carballiño e Silleda que en total levan atendidos preto de 440 proxectos. Deles preto de 150 corresponden ao Carballiño, uns 30 ao de Baños de Molgas e preto de 260 ao de Silleda.